VICEPRESIDENTA DA ASOCIACIÓN DE ACTORES E ACTRICES

“Queremos seguir celebrando e descubrindo a figura de María Casares”

Conversamos con Mabel Rivera, vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), sobre a homenaxe que se lle rende a María Casares no vixésimo aniversario da súa morte

mabel rivera actriz. Imaxe. Mabelrivera.es
photo_camera Imaxe: Mabelrivera.es

- Desde a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) levades un tempo realizando actividades para difundir e homenaxear a figura de María Casares
- Nós celebramos todos os anos uns premios que levan o nome de María Casares, mais parecíanos que era o momento de facer algo máis para divulgar o seu legado: mostrar que tipo de obra e que derivadas ten o seu pasar por Francia, o seu exilio, a maneira na que ela viviu totalmente entregada e implicada na súa profesión de actriz e o grande recoñecemento que tivo no país veciño durante todo o tempo no que ela desenvolveu alí a súa carreira. Queremos dar a coñecer a figura dunha muller que foi moi recoñecida fóra do seu país, mais que aquí continúa a ser pouco coñecida, algo que sucede con moita frecuencia. 

- Na próxima semana, os días 22 e 23 de novembro, realízase a homenaxe Vinte anos sen María Casares, no marco do festival Cineuropa. Que representa?
- O feito de ter agora a posibilidade de proxectar varias películas e unha entrevista que se lle fixo na televisión española dentro do marco do Cineuropa, en Compostela, ten unha grande relevancia porque pona en contacto con públicos diferentes. Esperamos que teña unha boa acollida, que eleve o nivel de interese e de achega e coñecemento á obra e traballo de María Casares, neste caso a través do cinema. Estamos moi ilusionados e moi agradecidos e con moitas ganas de ver como transcorren estes actos desta próxima semana en Compostela porque a acollida por parte de Cineuropa foi magnífica, foron moi xenerosos e esperamos que isto se traduza na asistencia do público. Mágoa que non poidamos facer o mesmo co teatro, non ter esa posibilidade de transmitir o seu traballo teatral. 

Queremos dar a coñecer a figura dunha muller que foi moi recoñecida fóra do seu país, mais que aquí continúa a ser pouco coñecida, algo que sucede con moita frecuencia

- Que vai encontrar o público que participe en 'Vinte anos sen María Casares'?
- Trátase de achegarse á obra de María Casares a través dunha serie de filmes e tamén a través dunha mesa coloquio na que participan persoas que fixeron achegas diferentes á súa traxectoria e ao seu traballo como actriz. Achegarémonos á súa figura desde o punto de vista de María Casares como filla de Santiago Casares Quiroga, coñecendo a súa relación co seu pai a través das súas cartas. Achegarémonos á María Casares como persoa obrigada a exiliarse pola guerra, e á súa estancia en Francia como persoa que tivo unha relación moi directa cun escritor que foi premio Nobel, Albert Camus. Coñeceremos toda a súa relación co movemento teatral de Francia en toda esa época, e toda a xente que se foi achegando a ela desde estes diferentes puntos de vista, como exiliada, como persoa que non puido regresar ao seu país por motivos políticos e sobre todo, a través da súa obra como actriz. 

Trátase de achegarse á obra de María Casares a través dunha serie de filmes e tamén a través dunha mesa coloquio na que participan persoas que fixeron achegas diferentes á súa traxectoria e ao seu traballo como actriz.

Por outra banda, a mesa coloquio está composta por xente moi coñecedora da súa obra e desde distintos puntos de vista. Estará a escritora María Lopo, biógrafa de María Casares; a nosa compañeira e actriz Sabela Hermida, investigadora de María Casares que fixo o seu doutoramento en torno á súa obra; e tamén José Luis Castro de Paz, profesor da USC e historiador de cine, cunha valoración da obra de María Casares desde o punto de vista do crítico cinematográfico. Pensamos que isto si que pode ser unha contribución a maiores moi interesante. 
Engadir que esperamos que isto non sexa máis que un comezo. Trátase dunha celebración moi especial para nós dentro deste ano no que celebramos o trixésimo aniversario da creación da nosa Asociación e tamén o vixésimo da creación dos premios María Casares. Eran números redondos que nos levaban a facer algo un pouco máis especial. Isto abriunos a nós mesmas un mundo, pola existencia de cantidade de información, de materiais e de posibilidades que se nos abren para seguir celebrando a figura de María Casares. Esperamos que isto sexa un inicio e, de feito, xa estamos preparando as actividades do próximo ano. María Casares é unha figura moi rica en si, estamos con moito entusiasmo e con moitas ganas de seguir dando a coñecer e descubrir novos aspectos.

Comentarios