Contracultura

Xosé Lois García: "Cómpre sensibilizar a xente que vive perto de templos románicos do seu valor expresivo"

O escritor Xosé Lois García (Merlán, Chantada, 1945) presenta mañá a súa obra Achegas á simboloxía do románico da Ulloa. Será ás 19.30 horas nun marco inigualábel: a igrexa románica de San Xoán, en Antas de Ulla. Trátase dun estudo sobre a iconografía románica presente nos tres concellos que compoñen a comarca da Ulloa: Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei. A obra estivo impulsada polo Instituto de Estudos Ulloáns, e foi publicada no seu boletín, Cairón, nos tres números correspondentes a 2019, 2020 e 2021.
O novo libro de Xosé Lois García analiza a iconografía románica en Antas do Ulla, Monterroso e Palas de Rei. (Foto: Arxina)
photo_camera O novo libro de Xosé Lois García analiza a iconografía románica en Antas do Ulla, Monterroso e Palas de Rei. (Foto: Arxina)

Cal é esa simboloxía románica á que fai referencia no título da súa obra?
É un estudo de investigación e análise da iconografía románica, nos seus pormenorizados temarios: antropomorfismo, zoomorfismo e fitomorfismo, os tres temas de maior transcendencia e visibilidade, que exercen varias lecturas no sentido dualista, do ben e do mal. Hai outros temas interesantes como son os elementos xeométricos e a orientación de todos eles que conforman este amplo cuestionario da simboloxía románica. 

Que mostras da arte románica poden atoparse na Ulloa?
Todas as que teñen referencia nas diversas expresións do século XII e XIII románico, e aínda do XIV, o románico tardío ou rural, etapa de transición do románico ao gótico. Os meus traballos non entran demasiado no tema da arte. O que eu estudo pertence á semiótica, todo aquilo que está representado en signos que descifran o símbolo iconográfico románico. É un tema moi minoritario e pouco desenvolvido até agora na Galiza. Do que coñecemos de arte románica, sobre estruturas arquitectónicas e históricas, a Galiza está moi adiantada nestes temarios e con excelentes estudosos e técnicos.

Que papel ocupa a Ulloa dentro do Románico galego?
Non podemos esquecer que a comarca da Ulloa é o centro xeográfico da Galiza e o Camiño de Santiago pasa por Monterroso e Palas de Rei, terras receptoras dun enorme compendio de arte medieval cluniacense e cisterciense procedente de Francia. Na Ulloa observamos unha serie de expresións simbólicas que se manteñen nesas iconas do románico, até chegar aos floreceres que nos legou a singularidade do século XII. Onde se concretaron grandes mestres do románico, como o mestre Pelaxio.

Estamos falando de corenta e catro igrexas da Ulloa, que se recollen neste libro, cunha oferta de enorme interese para os estudosos de semiótica.

Está o románico galego ben recoñecido, ou son precisas máis obras como a súa?
Son precisas máis obras que superen a miña. Así sucederá non moi tarde, a sucesión de esclarecer a normalización da mensaxe que emiten as pedras románicas, na súa ofrenda de darnos a coñecer a Idade Media, que fala para as nosas retinas. Esas iconas que vemos nos capiteis e nas cornixas falan dunha época histórica, doutrinaria, antropolóxica e dun longo formulario de ideas e conceptos populares e vivenciais que desvelan Galiza nos seus diversos ambientes de tempos idos. Toda unha pedagoxía que non pode ser esquecida polos galegos.

Penso que o románico galego é o suficientemente recoñecido por enormes estudosos e non ben tratado e protexido polos seus donos e polos que teñen o deber patrimonial de preservar a súa integridade. 

Que importancia teñen libros como este para achegar ao público xeral o Románico galego, neste caso da Ulloa?
Este tipo de traballos de campo e no que eu investigo sobre simboloxía, non son os máis doados para que a xeneralidade de persoas o entendan de súbito todo ese tecido técnico e de linguaxe que emiten as iconas. Cómpre sensibilizar a xente que vive a redor destes templos románicos do valor expresivo de tantas cousas que constatan referentes da tradición dos nosos devanceiros e da nosa cultura de hai novecentos anos.

Nestes momentos hai unha explotación desmesurada de intereses, no que se emprega ese “todo vale”, visitas en que certos guías explican o templo desde un acomodo de chiste persoal, que nada ten que ver coa realidade que emiten eses elementos iconográficos. Mais non todo é así, hai guías moi competentes que afondan na realidade do monumento que contemplan visitantes e turistas.

Comentarios