Entrevista

Xoán Fórneas: "Non vou parar de facer o que quero polo que digan"

Xoán Fórneas. (Foto: Arxina)
Xoán Fórneas (Lugo, 1993) é un actor coñecido polos seus papeis en series como Liña invisíbel, Elite. Historias breves, Feridas, a superprodución de Netflix Respira ou a película Antes de Nós, que afonda na vida de Castelao, a quen el mesmo deu vida. Agora o intérprete lugués atrévese coa música e lanza o seu primeiro sinxelo, Ferido, co proxecto artístico O Xoán. Un proxecto que mestura pop electrónico coas raíces da cultura galega e que estará dispoñíbel a partir de mañá nas principais plataformas musicais e en formato videoclip.

O actor e músico Xoán Fórneas atendeu Nós Diario esta cuarta feira na  sede da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) en Santiago de Compostela. Falou da súa traxectoria no mundo da actuación e dos seus primeiros pasos na escena musical co seu primeiro sinxelo, ao que deu o título de Ferido. Ademais, durante a tarde de onte presentou o seu último traballo para o público na SGAE.

—Por que decidiu embarcarse neste proxecto musical?
O meu interese pola música vén desde que era neno, antes incluso de mostrar interese polo cinema e o teatro. A música acompañoume desde sempre. De feito, cando fixen a carreira de Arte Dramática estudei interpretación musical, e foi aí cando me din de conta de que me gustaba e de que me interesaba non tanto o musical típico americano, senón o teatro musical. Sempre tiven esa inquedanza de ter o meu propio traballo musical, as miñas propias cancións e discos. E comecei un pouco a cegas, a verdade, porque aínda que a miña carreira de actor está moi ben agora e estou a facer cousas, non tiña ninguén que me acompañase; empecei como de cero e pouco a pouco foi saíndo. Eu prefiro arrepentirme do que fago que de non facelo.

Xoán Fórneas, esta cuarta feira, durante a entrevista con 'Nós Diario' en Compostela. (Foto: Arxina)

—Que pode agardar a xente da música do Xoán?
Ferido é un sinxelo no que se combina a música electrónica coas raíces galegas. Penso que máis que atopar o meu estilo propio gústame experimentar con varios xéneros. Persoalmente, gústame moito o pop, que ademais é un xénero que abrangue moito, mais tamén teño debilidade polo flamenco, a música latina e, por suposto, o folclore da nosa terra. Este primeiro tema é pop electrónico en galego, e ademais ten un retrouso memorábel e unha sonoridade que é case un instrumento en si.

—O sinxelo chámase Ferido. Quen, ou que, o feriu a vostede?
O ano pasado vivín unha ruptura amorosa moi forte, mais non falo de ninguén en concreto. Ferido é unha canción que fala de desamor, mais, como no meu traballo de actor, non todo é real, hai unha ficción ao redor.  É unha canción bastante intensa nese sentido, mais tamén hai moito humor na letra e acaba como cunha especie de coro moi bailábel. É como dicir: "Vale estou triste, mais vou bailar, dáme igual".

—Nun dos capítulos que publicou nas redes co formato de serie complementaria ao proxecto musical destaca que "para curar, hai que soltar". Que quere dicir con isto?
É unha frase que  pode estar moi relacionada co do amor e o desamor, mais como eu tiña tamén esa ferida da inquedanza que me provoca a música podería dicir que esta canción tamén é unha forma de sandar esa pequena ferida que eu tiña, porque sempre quixen facer isto.

—A súa participación en series como Respira deuno a coñecer a un público moi amplo e situouno no foco mediático. Como leva este aspecto da súa profesión?
Eu esa presión mediática non a noto demasiado, mais si que, desde que fixen series como esa, ao mellor se me coñece un pouco máis. Estou moi agradecido por poder traballar nestes proxectos. Podo dicir que presión mediática como tal non sinto, aínda que si que é verdade que se puideron dicir cousas que non eran verdade e que me pillaron totalmente desprevido.

O que menos me gusta de todo este traballo quizais sexa un pouco esa parte elitista da industria, xente que te mira por riba do ombreiro. Tamén hai xente que non valora o traballo que fai unha persoa coma min, mais non vou parar de facer o que quero polo que diga a xente.

—Que retos se marca no relativo a este proxecto musical?
Un reto que teño é seguir lanzando música, que non é doado, porque precisas de moita xente. Tamén me gustaría poder facer un show en vivo e, sobre todo, que vaian pasando cousas nestes meses despois da presentación deste primeiro sinxelo. Poder facer unha xira sería incríbel e oxalá poida seguir compoñendo. Aínda non sei se en 2026 farei algo ao vivo, mais si que vou ir sumando cousiñas.

—O Xoán vai ter tamén unha importante carga audiovisual?
Si, por suposto. O videoclip xa conta unha pequena historia. E, por outra parte, facer eses capítulos audiovisuais é unha forma de anunciar que vou facer música dunha forma orixinal. Ademais, moitísima xente de Lugo estivo apoiándome  e axudando mediante patrocinios ou participación como figurantes, por exemplo, para levar a cabo o proxecto.

Os capítulos foron como encontrar unha historia en chave de comedia que explicase un pouco o universo do videoclip, e como hoxe en día tamén están a ter moito éxito os microdramas nas redes sociais, quixemos facer algo dese estilo.

—Neste proxecto fai moita referencia á meigaría e á cultura galega. A que se debeu esta escolla?
Eu tiña claro que quería facer música en galego, porque é a miña lingua materna. Despois de compor a canción imaxinaba un momento festivo, e iso ía ser unha festa ao aire libre. Mais pouco a pouco fun collendo un ritmo algo máis aquelarrista e esa idea principal foise convertendo máis cara a iso.

Eu quería darlle un pouco de sentido a todo, de maneira que se entenda todo o videoclip dunha forma, mais creando un universo no que soubésemos que estabamos a contar e quen era quen. Cando vin as tres mulleres que interpretan as meigas que tamén están presentes nos capítulos, co vestiario que fixo Sergio Marey, que é un artista marabilloso, todo foi collendo outro sentido. A idea xirou máis cara a meigaría, o espiritual e o místico. Ademais, a min, como bo saxitario, ese universo paréceme fascinante; un gusto que comparto coa miña avoa.

 Ademais, no videoclip tamén empregamos moitos recursos metafóricos, como os botelos, que son tradicionais das montañas luguesas. Iso tamén ten algo do estilo pop art de Andy Warhol e de resignificar un elemento popular e darlle un significado totalmente distinto.

—E a nivel da súa traxectoria na actuación, como foi traballar con profesionais  como Blanca Suárez, Manu Ríos ou Pablo Alborán?
Cando mo dixeron foi unha grata sorpresa. Pensei que era un afortunado por poder traballar con xente á que admiro. Mais despois, á hora da verdade, no set e nas rodaxes todo se converte nunha contorna moi cómoda, algo parecido ao que pasa na universidade e no instituto; é moi familiar. Sobre todo en Respira, onde temos un grupo xenial e moi unido, cousa que non pasa en todas as rodaxes. Temos un moi bo ambiente.

A nivel profesional estiven, como non, tratando de aprender e de estar á altura destes pedazo de artistas. Verdadeiramente son xente moi xenerosa e talentosa, son absolutamente normais e moi boas persoas tanto fóra como dentro do set. Eu estou moi agradecido de poder estar traballando con xente así.

—E como foi interpretar un referente no noso país como é Castelao na película Antes de Nós?
Foi, sen dúbida, unha das cousas máis incríbeis que me pasaron na miña carreira. É o meu o meu traballo máis especial porque, á parte, de que é o protagonista da película, é unha icona e un referente. Collín ese traballo con moitas ganas e tiven a fortuna de traballar con moitos profesionais que me apoiaron moito. Ensaiamos e coidamos moitísimo a fala cos lingüistas. Sentinme moi protexido e moi apoiado. Agora miro cara atrás e é coma se non fose eu, porque é moi forte... Estou moi contento e orgulloso dese traballo e encantaríame seguir facendo películas así.

—Que achega á súa vida persoal e profesional complementar a carreira de actor coa de músico?
Penso que van un pouco da man, porque ao final eu son un artista e un intérprete que o que fai é contar historias a través de filmes ou series, ou da música neste caso. Son dúas carreiras que van totalmente da man.