Xerais celebra a festa de entrega dos seus galardóns a Andrea Maceiras, Abril Camino e Érica Esmorís
As referencias ao xenocidio en Gaza ou á necesidade dun maior compromiso co libro en galego estiveron presentes nos discursos.
As autoras gañadoras dos Premios Xerais 2025 recolleron este sábado os seus galardóns no Museo do Mar da Galiza, en Vigo. Xerais celebrou a súa festa anual para recoñecer as obras O corvo sobre a neve, de Andrea Maceiras, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil; Mulleres que viven xuntas, de Abril Camino, Premio Xerais de Novela e Erin e o lobo, de Érica Esmorís, Premio Merlín de Literatura Infantil.
A xornalista Susana Pedreira foi a encargada de presentar o acto, que inaugurou o director de Xerais, Fran Alonso. Nesta ocasión, a literatura infantil foi a protagonista da festa, xa que o Premio Merlín acada con esta a súa XL edición. “Dende 1986, o Premio Merlín filtrouse, coma ese sol discreto que racha a néboa, nos soños dun país capaz de erguer unha cultura de seu, imaxinativa e poderosa, crucial na construción dunha sociedade lectora”, explicaba o director da editorial no seu discurso.
Neste sentido, Fran Alonso fixo fincapé na achega deste galardón á creación de lectorado, pero tamén á aparición de novas autoras e autores de LIX e á normalización lingüística entre as novas xeracións. “O Premio Merlín creou na infancia ese vencello imprescindible co idioma que nos define e identifica”, malia as dificultades coas que tamén bate a día de hoxe o libro galego, sometido aos “prexuízos pola lingua en que se expresa”.
Do mesmo xeito, durante a intervención de Fran Alonso, o director de Xerais fixo referencia ao xenocidio en Gaza e á necesidade de falar de xustiza e de conciencia para vivir en democracia. Tamén falou da necesidade de conciencia e compromiso para poñer en marcha medidas de apoio ao libro en galego, que a día de hoxe representa só 8% das vendas nas librarías. Neste sentido, explicou que a colaboración coas librarías é crucial.
Andrea Maceiras non puido acudir á gala por motivos de forza maior, mais a súa amiga e compañeira Érica Esmorís, recolleu no seu nome o XVII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil pola novela O corvo sobre a neve. A escritora leu unhas palabras de agradecemento de Andrea Maceiras, tanto ao xurado como ao equipo de Xerais “por ser punto de partida no ano 2007 e seguir sendo, 18 anos máis tarde, porto seguro de regreso”.
Pola súa parte, Abril Camino recolleu o XLII Premio Xerais de Novela pola obra Mulleres que viven xuntas. A autora, que até o de agora publicou en castelán, volve á súa lingua con esta novela nun momento en que, segundo ela mesma explicou, supuxo un punto de inflexión na súa carreira. “Non había un xeito mellor de volver atoparme a min mesma que rodearme daquilo que é tan meu como Galiza e a súa lingua”, explicou Abril Camino. Do mesmo xeito, agradeceu o traballo dos seus profesores de galego na etapa escolar “por manter acesa a luz da lingua nunha contorna tan hostil como era un colexio privado católico na Coruña dos anos oitenta e noventa”. E engadiu que “esta novela e este premio son a mellor resistencia fronte a esa hostilidade”.
A gañadora do XL Premio Merlín de Literatura Infantil, Érica Esmorís, recolleu o seu galardón en terceiro lugar. Con Erin e o lobo acada o seu segundo Premio Merlín dez anos despois da primeira ocasión. “O Merlín de 2015, con Nena e o mar, levoume a moitos sitios, á Feira de Frankfurt, á de Guadalajara e tamén a Turquía. E precisamente en Turquía, entre as ruínas licias e o máis absoluto silencio, prendeuse unha chispa que se converteu en nena, a miña filla, e despois neste libro polo cal recollo o premio Merlín dez anos despois”, explicou a autora.
Ademais, destacou a importancia que tivo o Premio Merlín para a LIX galega na súa XL edición: “Representa unha defensa activa do galego e un compromiso real coa súa continuidade. A literatura infantil é o noso bosque de árbores centenarias. É aquí onde nace e medra o lector, onde se aprende a querer a lingua e onde o pracer de ler gaña a partida ás pantallas”.
As literatura oral das cantareiras, recoñecida este ano no Día das Letras Galegas, tivo tamén espazo na festa anual de Xerais, coa interpretación de dúas pezas por parte das pandeireteiras de Adonairare. Deste xeito, a “Muiñeira de Verdillo” e o “Pateado de Trasmonte” puxeron fin ao acto de entrega dos premios.
Os xurados
Un dos elementos definitorios dos Premios Xerais é a composición do xurado. As persoas que escollen cada ano as obras gañadoras son lectoras e lectores que non teñen relación profesional co ámbito editorial: profesorado, membros de clubs de lectura, libreiras, persoas que crean contido sobre libros en redes, xornalistas...
O xurado da XVII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil estivo formado por: Jorge Rodríguez Durán (escritor), Mencía Jorge Cabaleiro (bookstagramer en @lua_soto7 e estudante de Filoloxía), Iria Gondar Iglesias (educadora social), Salomé Díaz Muñiz (profesora de lingua e literatura galega), María Bueno Seguín (xornalista), e Ramón Domínguez, secretario do xurado, en representación de Edicións Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XLII edición do Premio Xerais de Novela, estivo formado por: Mar Mato (xornalista de Faro de Vigo), Bárbara Fernández López (correctora editorial e bookstagramer en @barbibooks), Aurora Prieto Tarrío (bibliotecaria da Biblioteca Pública de Verín), Ana Viqueira (xornalista en Nós TV), Xosé Antón Pedreira Mirás (libreiro en libraría Pedreira) e Xosé Manuel Moo, secretario do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto.
O xurado da XL edición do Premio Merlín de Literatura Infantil estivo formado por: Ánxeles Barja Sierra (bookstagramer en @lendo_libros), Blanca Millán (ilustradora), Rosa Ana Porto Martínez (libreira en Librería Porto), Reme Vázquez (bibliotecaria infantil da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña), Guillerme Rodríguez Osorio (mestre de Educación Primaria) e Anaír Rodríguez, secretaria do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto.


