Andrea Maceiras, escritora: "Recomendo as obras de literatura infantil e xuvenil a calquera tipo de público"
Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) recolle este sábado o XVII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil na gala de galardóns de Xerais coa obra O corvo sobre a neve, novela de aventuras ambientada nunha realidade distópica glacial que lembra a importancia de coidar o planeta.
—Este novo Premio Jules Vernes únese a unha longa lista anterior. Como se sente ao respecto?
Para min foi unha sorpresa. É certo que é a segunda vez que gaño este premio, pero tamén é certo que esta novela é moi distinta de todo o que levo feito. A verdade é que precisamente por ser unha novela que se sae un pouco da miña liña habitual, era un experimento mandala. Saíu ben, pero non deixou de ter ese factor de sorpresa para min.
—Que importancia xoga a relación entre a natureza e os seres humanos na súa obra en xeral e en O corvo sobre a neve en particular?
É certo que un dos temas que máis se reitera nas miñas obras é o feito de dotar dun papel preeminente á natureza, pero porque eu concibo a realidade desa maneira. A natureza é algo moi presente no meu día a día e do máis importante no noso planeta. Máis hoxe en día, no contexto de emerxencia climática no que vivimos. É unha temática que adoita aparecer en case todas as miñas historias, polo menos da última volta para aquí.
—A ficción moitas veces amósanos a realidade de forma máis sutil. Canta crítica temos entón á emerxencia climática nesta novela?
É unha obra crítica con este tema. Toda a historia desenvólvese nun contexto distópico glacial. É un mundo que está completamente xeado. Isto, que pode parecer absolutamente ciencia ficción, ten unha base científica. O quecemento dos mares podería afectar a corrente do Atlántico Norte, debilitándoa. Isto podería repercutir, de forma paradoxal, nun arrefriamento global. Hai moitas referencias a todas as cuestións que a min me preocupan a propósito da natureza dentro desta historia.
O protagonista chámase Dryas, porque Dryas foi a glaciación que aconteceu hai 12.000 anos. Ademais, penso que tamén son cuestións importantes para os e as adolescentes de hoxe en día, que teñen unha conciencia especial.
A adolescencia actual está moito máis comprometida que moita xente adulta con temas como a emerxencia climática e a protección da natureza.
—Ademais do público xuvenil, a que perfil recomendaría O corvo sobre a neve?
Eu recomendo as obras de literatura infantil e xuvenil a calquera público. Non é tan habitual que alguén chegue a unha obra de narrativa adulta moi longa e moi complexa, pero un adulto sempre pode facer o camiño inverso. Penso que O corvo sobre a neve podería gustar aos adultos. Está feita de maneira extremadamente áxil porque busca ser unha homenaxe ás antigas novelas clásicas de aventuras, pero traídas aos novos tempos, onde todo é máis fragmentario e vivimos con máis présa. Por ritmo e por tema, pode interesar a máis públicos que ao que vai destinado na primeira instancia.
—Que pensaría a Andrea que escribía os seus primeiros contos sendo moza ao ver a súa traxectoria e ler O corvo sobre a neve?
Sobre a traxectoria, penso que non a esperaría. Eu considérome moi afortunada por realizar este camiño literario que me abre tantas portas e me permite vivir tantas experiencias marabillosas. A novela penso que lle gustaría, porque dentro de que é algo moi diferente á miña traxectoria, tamén é bastante miña, bastante persoal.