venres 07/08/20
Unha exposición divulga a obra do mestre

O xenio arquitectónico de Domingo de Andrade, ao descuberto na Alameda compostelá

Inaugúrase hoxe en Santiago unha exposición que divulga o legado do máis representativo arquitecto barroco da Galiza, cuxo traballo é fundamental para entender a arte do noso país. Andrade é a figura homenaxeada en 2020 e 2021 polo Día das Artes Galegas.
Escaleira tripla de  caracol (Compostela).
Escaleira tripla de caracol (Compostela).

A arquitectura toma hoxe a Alameda de Compostela, da man dun dos xenios máis recoñecidos da disciplina na Galiza: Domingo de Andrade. O Colexio de Arquitectos inaugura unha mostra de Santiago que repasa a traxectoria, en boa medida descoñecida, desta emblemática figura á que este ano (e o seguinte), ademais, se lle dedica o Día das Artes Galegas.

Á contra do que semella que vai acontecer coas Letras Galegas, a Real Academia Galega de Belas Artes decidiu alongar a homenaxe a Domingo de Andrade a 2021 ante a dificultade de lle prestar a debida atención ao persoeiro por mor das circunstancias extraordinarias que vivimos. Del, din na declaración da homenaxe que "entendeu a estética dun confín do mundo, de pedra, de bosques, de labirintos, mestre construtor capaz de erguer torres e escaleiras do caos ao cosmos".

A exposición que ten por nome "Domingo de Andrade: Xenio e oficio", é de carácter itinerante. Comisariada pola Academia Galega das Belas Artes, os autores son os arquitectos e membros numerarios da súa sección de arquitectura José Ramón Soraluce Blond, Ramón Yzquierdo Perrín, Ana Goy Perrín e Estefanía López Salas.

A exposición mostrará 24 paneis con fotografías, planos e textos de Andrade. O carácter divulgativo da exhibición procura dar a coñecer o crucial legado artístico do arquitecto de Cee, o máis emblemático do Barroco galego, que destacou especialmente na retablística e na construción. Así, as persoas visitantes poderán identificar e contextualizar boa parte das obras deste personaxe determinante, coas que mesmo é posíbel que batan decote sen seren conscientes da súa autoría.

E é que Domingo de Andrade (Cee, 1639 – Santiago de Compostela, 1712) é o xenio detrás de elementos urbanos abondo coñecidos na capital da Galiza, dos que os máis emblemáticos son a Torre do Reloxo da catedral e a tripla escaleira de caracol do Museo do Pobo Galego.

O arquitecto deu continuidade ao embelecemento do contorno da praza da Quintana co Pórtico Real, a parede da catedral situada ao carón da Torre. Con esta acción unificaba o trazado barroco da zona, que ía continuar coa reforma da Porta Santa.

Pero tamén saíu do seu enxeño a capela do Pilar, estando ao tempo implicado na reconstrución das dependencias dos conventos e mosteiros de Santa Clara e Bonaval, en Santiago, e o de Sobrado dos Monxes.

Andrade é o gran referente do barroco de estilo vexetal ou primeiro barroco, propio do século XVII. Denomínase así precisamente en referencia a el, que tiña como lait motive froitas e elementos vexetais.

"Modernizou a arquitectura civil de Santiago no século XVII, con edificios de vivendas de clara planificación urbana, como a ordenación da Quintana", aseguran desde o Colexio de Arquitectos. Os comisarios da exposición, pola súa banda, entenden que Andrade "deseñaba e elaboraba cunha mestría e oficio dignos dun xenio".

comentarios