Prolóngase o Día das Artes a Domingo de Andrade até 2021

A Academia Galega de Belas Artes mantén o homenaxeado.
photo_camera Torre do Reloxo da catedral de Santiago, de Domingo de Andrade

A Real Academia Galega de Belas Artes vén de comunicar a súa decisión de prorrogar a 2021 as celebracións que debían ter lugar este ano con motivo do Día das Artes Galegas, dedicado nesta edición ao arquitecto Domingo de Andrade. Nado en Cee en 1639, o artista é coñecido por obras emblemáticas como o tabernáculo e a Torre do Reloxo da Catedral de Santiago de Compostela e a Casa da Parra.

Nun comunicado, a Academia de Belas Artes explicou que, ante a situación creada pola pandemia da COVID-19, a xunta de goberno optou por aprazar a celebración da efeméride, debido fundamentalmente á imposibilidade de seguir co programa de actividades e actos previstos. O presidente, Manuel Quintana Martelo, destacou que, dada a importancia da figura homenaxeada nos ámbitos internacional e galego do Barroco, e co fin de non desmerecer o recoñecemento e poder desenvolver toda a programación de forma correcta, a Academia acordou esta solución.

Ademais, sinala que o feito de xa teren adiado o acto central do día 1 de abril e en previsión das dificultades para a elección dun novo homenaxeado en 2021, animaron a Academia a prorrogar un ano máis o arquitecto.

Actos previstos

O presidente anunciou que o 12 de novembro, data que coincide co aniversario da morte de Andrade, a Real Academia Galega de Belas Artes realizará un evento na catedral de Santiago para lembrar a súa figura e o seu legado artístico. Así mesmo, entre o 16 e o 19 de novembro, decorrerán diversos actos en Cee organizados polo concello e aos que asistirá representación da Real Academia Galega de Belas Artes, e que xa estaban previstos con anterioridade. 

Comentarios