Opinión

Domingo de Andrade e os seus críticos

O creador da tripla escaleira de caracol en San Domingos de Bonaval, hoxe Museo do Pobo Galego, ten gañado, só por esa marabilla, un lugar de honra na historia da arquitectura galega. Está construída con pedra? Non estou segura, máis parece feita con movementos, con raiolas de luz: barroco en estado puro. Habendo outras escaleiras de dobre hélice, unha delas de Leonardo, esta é a única tripla. Ben merece Domingo de Andrade ser honrado no Día das Artes Galegas, pola Academia Galega de Belas Artes. Tendo inclinación cara á Costa da Morte, non podo esquecer que naceu en Cee en 1639; o apelido vén de Pontedeume, mais é frecuente en Cee, así os irmáns Creus Andrade, Juan (arquitecto), Estevo (poeta) e David (pintor), que deberon herdar algúns xenes artísticos de Domingo. Felipe Senén analizou a súa extensa obra en Nós Diario, ao que engado algunhas pinceladas. En Bonaval Andrade traballou tamén no claustro e na fachada. A meirande parte das construcións que admiramos hoxe non foron obra dunha soa man nin acabadas en pouco tempo, San Domingos de Bonaval foi construído inicialmente no século XIII; a reconstrución de Andrade, a partir de 1695, recibiu fortes críticas, pois sempre hai quen recea das mudanzas.

Competindo coa escaleira, a torre do Reloxo, nas Praterías, é reconstrución sobre outra tres séculos anterior, a Berenguela. Hoxe pode parecernos que o reloxo non ten moita relevancia, mais houbo tempos nos que marcaba o ritmo da vida na cidade e seica as clases da universidade comezaban e acababan seguíndoo. Un papel máis importante atribuíulle Álvaro Cunqueiro á campá de horas pois, segundo el, cando tanxía melloraba o viño. Na miña opinión estes milagres eran moi necesarios –para non correr riscos ao beber unha cunca no Franco– no século pasado, nos tempos previos á introdución da tecnoloxía na fabricación do viño; os viños galegos son agora excelsos, con ou sen repenique. Uns efectos contrarios e catastróficos son os imaxinados por Torrente Ballester, en Fragmentos de apocalipse: a cidade esboróase ao soar as súas badaladas.

Non creo que Domingo de Andrade deseñase a torre con eses poderes na mente, porén entre outros dos seus inventos e propostas está unha receita para producir a peste nos inimigos, “mouros e herexes”. O documento, localizado por Begoña Mendizábal e Manuela Sáez, recomenda cocer sapos, píntegas, cobras e víboras. Nunca foron estes pobres seres moi apreciados.

Comentarios