Xaquín Núñez Sabarís faise co Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2019

Cartografías da narrativa galega contemporánea, de Xaquín Núñez Sabarís, vén de recibir o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2019.

O investigador Xaquín Núñez faise co Premio Ramón Piñeiro de Ensario 2019.
photo_camera O investigador Xaquín Núñez faise co Premio Ramón Piñeiro de Ensario 2019.

Xaquín Núñez Sabarís fíxose co premio polo ensaio Cartografías da narrativa galega contemporánea, do que o xurado destacou o “achegamento ao discurso literario galego desde unha perspectiva aberta ao transmedia e a cultura de grande difusión”.

A obra Cartografías da narrativa galega contemporánea, de Xaquín Núñez Sabarís, foi distinguida co Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2019, un certame que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza e a Editorial Galaxia, co patrocinio de Caixa Rural Galega, e que xa vai pola décimo novena edición. O ensaio galardoado nesta convocatoria recibirá un premio dotado de tres mil euros maila publicación da obra pola Editorial Galaxia durante o vindeiro ano.

O xurado, que concedeu o premio por maioría, tamén fixo fincapé en que a obra “revela dunha maneira anovadora e lúcida cambios repertoriais na produción galega a través do estudo do thriller xacobeo, a novela viguesa e o auxe da narcoficción”. Este reuniuse onte, día 27 de decembro de 2019, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, sito no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. A mesa estivo conformada por África López Souto, Luís Alonso Girgado, María López Sández, Anna Rodríguez Figueiredo e Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.

a obra “revela dunha maneira anovadora e lúcida cambios repertoriais na produción galega a través do estudo do thriller xacobeo, a novela viguesa e o auxe da narcofición”, destacou o xurado

O autor Xaquín Núñez Sabarís, é doutor en Filoloxía Hispánica e Profesor Associado (Titular) do Departamento de Estudos Românicos da Universidade do Minho. Desenvolve a súa investigación no Centro de Estudos Humanísticos da Universidade do Minho, no grupo de investigación “Identidade(s) e Intermedialidade(s)”. Ademais, integra o grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, dedicado ao estudo da obra de Valle-Inclán.

Comentarios