CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

"A war", unha película dinamarquesa sobre a guerra en Afganistán

awar2
photo_camera Un fotograma do filme

A WAR

Krigen

(Dinamarca 2015, 115 min.) 

Dirección e guión: Tobias Lindholm

Fotografía: Magnus Nordenhof Jonck

Música: Sune Wagner

Elenco: Pilou Asbaek, Tuva Novotny, Soren Malling, Dar Salim, Charlotte Munck, Dulfi Al-Jabouri, Christian Krolle Pedersen

SINOPSE

O comandante Pedersen dirixe un rexemento destinado en Afganistán procurando que os seus homes non se veñan abaixo ante a continua ameaza talibán mentres aplaca os seus desexos de volver a casa coa muller e os seus tres fillos. 

CRÍTICA

Non era sen tempo que chegara ás salas comerciais do país este filme bélico escandinavo que estivo nomeado a Mellor película de fala non inglesa na edición de 2016 da Academia de Hollywood, que acabou gañando O fillo de Saúl (ver Sermos nº195) .

A War encadra a historia no Afganistán ocupado polas forzas internacionais da OTAN; concretamente céntrase nun escuadrón dinamarqués liderado polo comandante Pedersen que se debate entre o dilema do deber militar e o deber de pai de familia, posto que no fogar agárdalle a súa namorada (Tuva Novotny) e tres fillos pequenos. Pedersen tratará de ser fiel as súas obrigas coma oficial do exército mantendo a moral da tropa alta, mentres dure a misión, malia que, por dentro, estea cheo de dúbidas. Co tempo comeza crear unha relación paternalista de compañeirismo e amizade cos seus camaradas. Nunha contenda cos insurxentes talibáns deberá tomar unha terríbel decisión para lograr manter con vida aos seus homes... 

Máis que describir as atrocidades da guerra, ou conter unha mensaxe antibelicista, A War céntrase nunha dicotomía constante sobre a toma de decisións. Faino en tres escenarios diferentes: o militar, o civil e o xudicial. O protagonista, interpretado por Pilou Asbaek, actor fetiche de Tobias Lindholm, verase obrigado a decidir entre o exército e a familia, entre a vida dos seus homes e os “danos colaterais” e incluso elixir entre a responsabilidade cara aos seus e á súa propia conciencia. Decidir e asumir as consecuencias, diso trata.

Sabendo que Lindholm provén do país que puxo en marcha o movemento Dogma, ideado polos seus compatriotas Thomas Vinterberg e Lars von Trier, sería moi acaído un achegamento ao xénero bélico desde esta corrente (ou o que queda dela)... pero non... Lindholm, que tamén firma o guión, decide achegarse ao xénero cun estilo máis próximo ao cinema independente norteamericano e, por tanto, menos sorprendente. 

Se xogamos ao “suma e sigue”, a trama sería unha mestura de En terra hostil (2008, Kathryn Bigelow), Regras de compromiso (2000, William Friedkin) e O francotirador (2014, Clint Eastwood), con todos os tópicos bélicos modernos e sumándolle ademais os clixés propios do cinema indie: abuso de cámara en man (en modo Alzheimer, por certo), momentos de introspección con música de notas sostidas monocordes, contraluces co sol ao fondo, moitas barbas hipster... Iso si, non prescinde de impresionantes efectos visuais e maquillaxe que aportan unha total verosimilitude ás escenas de batalla, mutilacións e demais...

Se deveces co cinema de fazañas bélicas e aprecias os filmes xudiciais ben elaborados, definitivamente A War é para ti... así que date présa que non durará moito na carteleira. 

Comentarios