Vigo da voz a máis de 50 apostas no cinema inclusivo

A sexta edición do Festival de Cinema Inclusivo da cidade decorrerá entre os días 12 e 16 de outubro. As proxeccións terán lugar no Auditorio municipal, o Cinema Salesianos e o Museo Marco tal e como aclararon as impulsoras na presentación desta sexta feira. Como elemento diferente con respecto a outros anos, o ciclo incluirá tres sesións novas dedicadas á igualdade, á discapacidade e ao público familiar.
Presentación do ciclo de cinema que decorrerá en Vigo. (Foto: Festival de Cinema Inclusivo) #cinema #cinemainclusivo #vigo #festival #inclusión
photo_camera Presentación do ciclo de cinema que decorrerá en Vigo. (Foto: Festival de Cinema Inclusivo)

O Festival de Cinema Inclusivo de Vigo incluirá a proxección de 54 pezas audiovisuais na súa sexta edición, que vai decorrer entre os días 12 e 16 de outubro, en tres escenarios da cidade (Auditorio Municipal, o Cinema Salesianos e o museo Marco). Ademais, con respecto a outros anos, incorporará tres novas sesións, dedicadas á igualdade, a discapacidade e ao público familiar.

O certame, cuxa presentación tivo lugar esta sexta feira, principiará na terza feira 12 de outubro cunha retrospectiva de Xavier Bermúdez -que recibirá o Premio de Honra do Festival- e a proxección das súas películas León y Olvido e Olvido y León.

Xa na cuarta, o Auditorio acollerá o pase de varias curtametraxes documentais pola inclusión, audiodescritas e subtituladas para facelas accesíbeis a persoas con xordeira ou cegueira; e documentais internacionais. Tamén na quinta feira haberá proxección de documentais no mesmo auditorio ao longo de toda a tarde.

Ademais, o día 14 no museo Marco, intervirá Miguel Ángel Areán para falar de videoxogos e Alzhéimer. Posteriormente haberá unha sesión de curtas sobre discapacidade, con títulos como Sin Palabras (Pablo Cañadas), Montebravo de Noelia Muíño, ou Por ESO (Igualarche).

No festival tamén estará a directora coruñesa Paula Cons, presentando a súa película A illa dás mentiras, que poderá verse o día 15 ás 21 horas no Cinema Salesianos, despois da proxección de Especiales, de Olivier Nakache e Eric Toledano.

A igualdade, en pantalla grande

O sábado, esta cita coa produción audiovisual terá unha sesión de animación para os máis pequenos no museo Marco, e unha sesión de curtametraxes sobre igualdade, no Auditorio do Concello a partir das 11 horas.

Pasaránse 8 pezas: La voz humana de Pedro Almodóvar; Mamá no trabaja de María Barragán; Monólogo de Pilar García Elegido; Before I die de Iker Esteibarlanda; Cigarrillos de Rosario Pardo; Dolapo is fine de Ethosheia Hylton; The last day of patriarchy de Olmo Omerzu e La colcha y la madre de David Pérez Sañudo.

Despois das proxeccións terá lugar o debate 'Mulleres reais ficticias: o xénero na nova ficción', no que participarán os guionistas Ángel Manzano e Lidia Fraga.

Comentarios