A viaxe a Galiza de Ambrosio Morales, II

Na entrega da semana pasada deixamos Ambrosio Morales en Compostela, da que prometía dicir todo por enteiro. Hoxe ímolo seguir até O Cebreiro. 

calice-cebreiro

Morales, desde a ideoloxía que o guía e o declarado obxectivo de servizo ao rei Filipe, cóntanos, unhas veces polo miúdo e outras con evidente desinterese, a situación dunha parte do patrimonio eclesiástico, quer material quer inmaterial. Mais, pola maneira de contar, dá a impresión de que o redactado final do seu informe o fixo xa lonxe da Galiza.  Así sucede cando fala da situación do altar maior da catedral e di que non está arrimado á parede, senón algo desviado, “como estaban antiguamente todos los de aquella tierra”. 

Santiago, moitas reliquias e poucos libros

Enumera Morales todos os corpos de santos, reliquias e demais obxectos de culto presentes na catedral, desde un brazo de S. Cristovo traído de Alemaña a varias cabezas procedentes das once mil virxes. E por suposto fala por extenso das reliquias de Santiago. Mais na catedral dúas cousas chaman a súa atención: Unha virxe preñada que está “de vulto en pie, con alguna muestra de preñez, en un poste a las espaldas del coro, y en otro poste que le corresponde frontero, está el arcangel S. Gabriel, vueltas las espaldas a nuestra Señora, como que ya se va”. 

Enumera Morales todos os corpos de santos, reliquias e demais obxectos de culto presentes na catedral

Outra cousa que lle chama a atención é o pesebre en que, segundo contan, deu de comer o rei Almanzor ao seu cabalo cando chegou a Santiago. Agora é pía de auga benta e, sospeita Morales, xa daquela debía ser, pois, segundo contan os canónicos, “en llegando el caballo a comer allí, reventó luego”. 

Pouca valoración lle merece a biblioteca, e menos o interese dos clérigos polos libros: “ De libros tienen tan poco cuidado que habiendoseles dejado poco ha una gran librería en un testamento, la vendieron”.  De modo que, segundo o cronista só hai dous libros e estes son “tales como aquí con harta lástima diré”. Un deles é vello, fáltanlle moitas follas, outras están rotas. Non vale para nada. É a Historia Compostelana.

virxeprenhadaO outro é un libro que está completo, aínda que “fuera harto mejor que no lo estuviera” pois, for quen for o autor, “puso allí cosas tan deshonestas y feas que valiera harto mas no haberlo escrito”. Este é o Códice Calixtino, cuxo “aviso para peregrinos” molesta moito a Morales, de modo que advertiu o bispo para que o retirasen. Confesa que tivo pouco éxito na súa encomenda.

De crermos Morales serían estes os dous únicos libros existentes en Santiago: nin San Martiño Pinario, nin San Paio, nin Santa Clara, onde finalmente atopa a cabeza de San Lourenzo, terían ningún libro. 

Padrón e a providencia divina

Desde Santiago Morales baixa a Padrón. Mamente se explica como habendo desde Xerusalén tantas magníficas cidades, portos, ríos e rexións, o corpo do apóstolo acabou por “meterse por la boca de la Ulla, y por ella subir en el rio Sar hasta la ciudad de Iria”. E só encontra unha explicación:” Fue la secreta providencia de Dios” que quixo pagar o moito que aquí predicou Santiago. Para afirmar a importancia de Padrón no culto xacobeo cita Morales, un refrán “ Quen va a Santiago e non va al Padron, o faz Romería, o non”.

Mamente se explica como habendo desde Xerusalén tantas magníficas cidades, portos, ríos e rexións, o corpo do apóstolo acabou por “meterse por la boca de la Ulla"

Fala tamén Morales, referido a Padrón, das múltiples pedras que relacionadas co culto ao Apóstolo hai na localidade, e mesmo se aventura nunha hipótese sobre a orixe do topónimo, recoñecendo, indirectamente, a unidade lingüística de Galiza e Portugal: “ En Galicia y Portugal a qualquiera piedra de estas, que se levanta en el campo por señal, o por memoria, la llaman Padron, y por haber sido esta piedra tan insigne, y tan significado Padrón, la ciudad de Iria perdio su nombre, y tomó el que agora tiene de esta bendita piedra”

As Cíes das grandes cóbregas

En Armenteira non hai nada; nin en Poio. Nin no pequeno mosteiro de San Salvador de Lérez, un sitio tan fermoso e tan fresco que “no hay mas Naranjos ni arraihanes en Cordoba”. 

Seguen os mosteiros de Tenorio, Pontevedra, Redondela, San Simón, descrito como un lugar de “soledad y contemplación” cun mosteiro tan pequeniño que “solo mirarlo pone devoción”.

Non pode ficar indiferente Morales perante a beleza das Cíes, ou Cizas, como el escribe, metidas máis dunha legua no mar, con grandes serras, e onde houbo un pequeno mosteiro de monxes descalzos saqueado polos ingleses. Xa na altura están deshabitadas e crían alí moitas aves, razón pola que hai “muchas y grandes culebras que se mantiene de los huevos y de los pollitos”.

Por Oia non pasou mais, por segunda vez, acode Morales á etimoloxía popular para explicar, neste caso, o nome de Baiona “trayendo la Villa una Nao y un Buey por armas, dicen que de ambos vocablos, Buey y Nao, se junto el nombre de Bayona”.

Descríbense amplamente as reliquias de Tui e, como en casos anteriores, insiste o autor en certificar a inexistencia de libros

Descríbense amplamente as reliquias de Tui e, como en casos anteriores, insiste o autor en certificar a inexistencia de libros. Con todo, e recoñecendo que non é asunto da súa comisión, informa de que en Tui, nesa altura, aínda se sacaba ouro do Miño e que el mesmo viu que o Bispo tiña “un grano del tamaño de un garbanzo” que se sacara habería uns dous anos e na actualidade (daquela) “como lentejas se sacan hartos” e que o propio Conde de Monterrey ten arrendado por 24 ducados cada ano, isto é 24 mil maravedis, un sitio na ribeira “para solo sacar oro”.

Os galegos, amigos de coplas e consoantes

Melón, San Clodio, Oseira, son os seguintes destinos de Morales. Como sempre, nada a salientar. A Ourense atribúelle Morales fundación grega, como a Tui. Ourense é un sitio moi fértil de viñas e froitas, e presenta unha montaña chea de laranxeiras. E dinos que é a primeira cidade de Galiza entrando desde Castela polo camiño francés. En Ourense reliquias, moitas, e de moita “devoción” pero Morales non só está atento ás reliquias e acaba facendo unha perfecta descrición das Burgas e dos seus usos. Son tan boas que “parece particular providencia de Dios el haber dado estos Caños en esta Ciudad”.

Celanova é tratada amplamente e chama a atención de Morales o texto en galego dun par de lápidas, unha do ano 1324 que di:

Aquí jaz Feijoo Escudeiro

Bon fidalgo e verdadeiro

Gran Cazador e Monteiro

E outra máis, sen datar, que di:

Aquí jaz Vasco Fernandez de

Temez, pequenno de corpo e gran-

de de esforzo. Boo de rogar e mao de forzar.

Do cal deduce o cronista que “debian ser los gallegos de aquel tiempo amigos de tales coplas y consonantes”.

No medio desta viaxe por Ourense, e por ter sido fundado por San Rudesindo, igual que Celanova, fálanos Morales de Caaveiro, se ben non foi alí porque a peste “me cerro el camino para alla”. Segundo lle contaron é Caaveiro un lugar “fragosisimo”, dificilmente se chega a pé e a cabalo é imposíbel. Alí conservaríanse cáliz, casula e demais ornamentos con que S. Rudesindo dicía a misa, elementos todos que tería pertencido aos Apóstolos segundo acredita “o vulgo”

Un pelexo de píntega nun relicario

San Pedro de Rocas, Santa Mariña de Augas Santas, Santa Clara de Allariz constitúen as seguintes etapas. En Allariz dá nota de abundantes reliquias e milagres e chama moito a atención o feito de que entre tantas e honrosas reliquias haxa unha pel de píntega: “En este relicario es cosa harto donosa, o llorosa, que en medio, y como en un lugar mas principal este un pedazo de pellejo de Salamandra con letras en la plana que dicen: De pilis Salamandrie quie igne nutritur”. 

En Allariz dá nota de abundantes reliquias e milagres e chama moito a atención o feito de que entre tantas e honrosas reliquias haxa unha pel de píntega

Chegamos a Xunqueira de Ambia, que tivo moitos libros antigos mais que se perderon. De novo aquí abandona a súa misión Morales para nos falar dos saudábeis baños de Baños de Molgas e de outro lugar que o conde de Monte-Rei, como en Tui, arrenda para extraer ouro. Xunqueira de Espadañedo,  Monte de Ramo, Santo Estevo de Riba de Sil, cos corpos de nove bispos tidos por santos e que xa se queimara dúas veces, desaparecendo reliquias, libros e escrituras.  

San Vicente de Monforte, Samos, cuxo nome agora está algo corrompido, “pues el verdadero fue antiguamente Samanos”. O licenciado Molina sitúa en Samos a cabeza de San Eufrasio e ao querer vela Morales, despois de os monxes se vestir con toda solemnidade, abren unha arca de marfil, desenvolveron uns panos e “no parecio dentro mas que unos pocos huesos, ninguno mayor que una uña muy pequeñita”, co que Morales cre que o enganan e que a verdadeira cabeza está noutro sitio.

Nada se percibe do misterio do Cebreiro

No Cebreiro, que xa non é abadía mais priorato con hospital anexo a Valladolid, finaliza a viaxe de Morales a Galiza. Cóntanos que nesa igrexa está “el misterio del Santísimo Sacramento”, aínda que el non o viu, percibiu, coa evidencia que se conta: El misterio está en dos ampollitas muy pequeñas de cristal, gurnecidas de plata. En la una dicen está la carne y en la otra la sangre, en un trapito: yo me remito en esto al haberlo visto V.M  que cierto yo no percibi aquello con la evidencia que en la bula se narra, y allá no hay mas mencion que de la sangre”

Morales non lle leva a contraria ao rei, non vaia ser. É o seu servidor. Felipe II tería estado no Cebreiro (por onde tamén pasaron en 1486 e en 1520 os Reis Católicos e Carlos I) en maio de 1554. Se o rei acredita no misterio non hai discusión.

Con estas notas finaliza Morales a viaxe a Galiza. Continúa aínda cara a León. A lectura que temos que facer da viaxe é a de alguén ao servizo completo da Monarquía, na mesma liña en que outros funcionarios rexios solicitan informes aos Condes de Altamira ou de Lemos. Un funcionario ao servizo dunha monarquía na que nunca se poñía o sol. Aínda que para algúns súbditos fose sempre noite.

Comentarios