Máis

Viaxar en pedra ao Calvario

Cruceiros nos concellos de Beade e Cartelle.
cruceiro beade turismo galicia
photo_camera Calvario do Viacrucis de Beade. (Foto: Turismo da Galiza)

Ao carón da igrexa de  Santa María en Beade (na comarca do Ribeiro) comeza un viacrucis do século XVIII que se compón dun conxunto de 14 cruceiros de características diferenciadas.
Desta forma, neste conxunto monumental, que comeza no adro da igrexa de Santa María e chega até a capela de San Roque, destaca de forma sobresaínte a representación do calvario. Sendo un viacrucis especialmente recoñecido a través dos debuxos de Castelao en As cruces de pedra na Galiza.

Entre estes cruceiros, que se compoñen das tres partes habituais de chanzo, base e fuste, atópase un motivo pouco común, unha cruz de catro puntas de frecha unidas nun único vértice, dando con isto lugar á cruz de oito puntas típica da orde de San Xoán de Xerusalén, de Rodas e de Malta.

As cruces que compoñen o conxunto están talladas en pedra, maioritariamente granito, e preséntanse lixeiramente biseladas, en varios dos casos sen imaxes. É dicir, sen representacións labradas de figuras humanas espirituais.

O viacrucis remata, precisamente, coa representación do calvario á que se accede subindo unha pequena escalinata. Formado por tres cruceiros, o do medio conta cun fuste en forma de polígono e con representacións relixiosas en ambas as dúas caras. Os outros dous monumentos que compoñen o conxunto, xa de fuste circular, contemplan a representación do bo e o mal ladrón. Figuras pouco comúns no territorio.

Avanzando até a parroquia de Anfeoz, no concello de Cartelle, (Terra de Celanova), é posíbel localizar tamén un conxunto de cruceiros coa representación do calvario. Con tres estruturas que fan referencia a este calvario e cinco máis completando un conxunto de até oito monumentos. Sen coñecemento exacto da data de construción, podería remontarse a finais do século XVIII ou principios do XIX. Situados nunha lomba case no centro da parroquia, crese que puideron formar parte dun antigo viacrucis que chegaba até a igrexa de Santa Baia de Anfeoz. Mais despois da desaparición de varios dos cruceiros, a veciñanza decidiu mover os que quedaban ao lugar do Calvario.

Comentarios