Viana do Castelo xa é a nova Capital da Cultura do Eixo Atlántico
Viana do Castelo estreou esta segunda feira a súa condición de VIII Capital da Cultura do Eixo Atlántico cun espectáculo multidisciplinar creado e dirixido por Daniel Pereira Cristo. O Centro Cultural de Viana colgou o cartel de “non hai entradas” para estrear Mar Adentro, un espectáculo de danza, música e voz coa participación especial de Xabier Díaz e a orquestra Arteam, o Coro Viana Vocale e o Coro de Pais da Academia de Música de Viana do Castelo, dirixido polo mestre Javier Viceiro.
A obra é "un tributo á forza cultural de Viana do Castelo e de toda a rexión do Eixo Atlántico" que celebra "a identidade compartida que define esta rexión". A programación estenderase até decembro con espectáculos de teatro, cinema, concertos, festivais de arte urbana, exposicións, actividades para o público infantil e certames gastronómicos.
A entidade presentou tamén esta segund afeira a exposición Historia do Eixo Atlántico no Passeio das Mordomas da Romaria, na mesma localidade lusa. O presidente do Eixo Atlántico e alcalde de Viana do Castelo, Luís Nobre, e mais o secretario xeral da entidade, Xoán Vázquez Mao, inauguraron esta mostra que destaca os fitos máis importantes da institución nos seus 33 anos de historia. A exposición está composta por 21 paneis e permite ás persoas visitantes facer un percorrido visual e educativo arredor da súa evolución.
Asemblea Xeral
O Eixo Atlántico organiza esta terza feira en Viana do Castelo a súa XXXIII Asemblea Xeral, na que se aprobará a adhesión de dous novos concellos galegos, Betanzos (As Mariñas) e Vilalba (A Terra Chá), que elevan a 38 localidades e dúas deputacións os seus membros. A asemblea tamén ratificará o orzamento do Eixo Atlántico para 2025, dotado de máis de 5 millóns de euros, unha cifra permitirá "seguir impulsando os proxectos de desenvolvemento local nas cidades de Galiza e o Norte de Portugal".
Actualmente o Eixo Atlántico xestiona cinco proxectos europeos con distintas liñas de financiamento e ten outros catro proxectos en vías de aprobación. A Asemblea debaterá tamén a incorporación de dous novos eixos temáticos ao seu programa, a Nova Bauhaus Europea e a mudanza de hábitos e desenvolvemento social da Comisión Europea.

