O Eixo Atlántico lanza unha guía dixital interactiva para facer turismo durante todo o ano
O sector do turismo representa 10,6% do PIB da Galiza e 12,7% do de Portugal. Con estas cifras, o Eixo Atlántico vén de presentar unha nova guía turística dixital e interactiva para reforzar o sector.
A plataforma reúne toda a información para que as persoas usuarias poidan acceder con facilidade á oferta cultural, gastronómica, patrimonial e natural da Galiza e do Norte de Portugal.
Que facer no Eixo Atlántico?
A guía é accesíbel en liña e actualízase de forma automática. Está editada polos municipios do Eixo Atlántico que deseñaron diferentes itinerarios para achegar as persoas viaxeiras a feiras e mercados, actividades deportivas, festas ou termalismo.
Con esta ferramenta, a entidade permite a posibilidade de personalizar unha viaxe a través de distintos filtros, pois a persoa visitante poderá escoller o municipio ao que se vai desprazar nuns días concretos e mesmo configurar unha estancia nun lugar a partir dun evento ou celebración concreta que figura na súa axenda.
A guía tamén permite ás usuarias desprazarse a través dun mapa interactivo no que se localizan algunhas das vilas e cidades principais tanto da Galiza como do Norte de Portugal. Uns 40 destinos fican tan só a un clic do público viaxeiro, que poderá saltar dun destino a outro antes de visitalos en persoa.
Os sete millóns de habitantes da Eurorrexión, e mais os 3 millóns das rexións veciñas, durante as 52 fins de semana do ano, constitúen un importante nicho de negocio para o turismo de proximidade, destacan desde o Eixo Atlántico.
Edición en inglés
Tamén anunciaron unha edición en inglés para o turismo estranxeiro con especial atención no Camiño de Santiago, dado que, ao teren coñecemento previo da oferta, os peregrinos poden planificar a súa viaxe cun maior número de durmidas ou ampliar os lugares a visitar.
A institución busca impulsar o turismo apostando por un modelo "baseado na excelencia e non nunha masificación que altere a vida das cidades e predispoña os cidadáns contra os turistas". Son, segundo explican os responsábeis da guía e do Eixo Atlántico, "conceptos novos" sobre o futuro do turismo financiados polo proxecto POST-Espazo Atlántico.

