'Versos doutro universo' na festa das gañadoras do Enreguéifate 2026
Máis de setecentas persoas participaron nesta celebración da regueifa conducida polo mestre e regueifeiro Manolo Maseda
O Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu esta quinta feira a gala de entrega de premios da novena edición do certame Enreguéifate, o proxecto promovido polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo para fomentar os xéneros de improvisación oral en verso en lingua galega.
Máis de setecentas persoas participaron nesta celebración da regueifa conducida polo mestre e regueifeiro Manolo Maseda; o mestre, escritor e regueifeiro Séchu Sende; e as formadoras do Enreguéifate Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, Xairo d'Herbón, Cristian de Burela, O Rabelo e Manuele Pardo.
A xornada foi amenizada coas actuacións musicais da Orquestra da Regueifa, formada por alumnado do IES do Milladoiro (Ames), o IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela) e o IES Xulián Magariños (Negreira), así como de xmaseda65, artista viveirense pioneiro da nova escena urbana galega.
Asistiron unha vintena de centros escolares de toda a Galiza que tiveron participación directa no proxecto nesta última edición do Enreguéifate, ademáis dunha representación institucional dos concellos impulsores do proxecto e dos seus Servizos de Normalización Lingüística.
Na categoría xeral, entregáronse os galardóns á Regueifa máis brava, ás Regueifeiras do CIOV, con "Saúde e lingua!", do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo; á Regueifa máis aguda, a Arrieiro e Chaminho, con "reguei-FIT-eiros", de Cambre e Malpica; á Regueifa máis diversa, a R5 Aeroliñas Regueifeiras, con "Viaxes improvisadas", da Escola da Regueifa de Carballo; á Regueifa máis reivindicativa, a Reporteiros regueifeiros, coa "Regueifa informativa", de Pontevedra; á Regueifa mellor cantada, a Coros Virxe da Renda e Casa Rosada, con "A vida con humor", de Poio; á Regueifa mellor falada, á Familia V.A., con "Flores e cores", de Santiago de Compostela; á Regueifa máis inclusiva, aos Teiseiros regueifeiros, con "O home contra a máquina", do Centro de Inclusión Fundación de Santa Cruz en Vigo e á Regueifa máis entroideira, a Regueifeirxs do Entroido, coa "Regueifa do Entroido", de Santiago de Compostela.
Na categoría escolar, o premio á Regueifa máis brava foi para Os fervellasverzas, con "A mocidade anda nas verzas", do CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo de Carballo; a Regueifa máis aguda para as Astrovacas, con "Misión Onomástica", do IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago de Compostela; a Regueifa máis diversa para os Lopeiros, coa "Regueifa universal", do CEIP Plurilingüe Lope de Vega de Vigo; a Regueifa máis reivindicativa para Pois Disque Cantamos, con "A regueifa é mundial", do IES de Melide; a Regueifa mellor cantada para Regueifando en Dodro, con "Antes ou agora?", do CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro; a Regueifa mellor falada para as Regueifeiras da Chá, con "Churras, churras, churras!", do IES Basanta Silva de Vilalba; a Regueifa máis inclusiva para As e os regueifeiros do Quiroga, 4º C, con "Un día con nós", do CEIP Plurilingüe Cardeal Quiroga Palacios de Santiago de Compostela e a Regueifa máis entroideira para Faísca Bergantiñá, con "Duelo de Entroido: Valenza vs. Rececinde", do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco.

