Valadares, epicentro da improvisación co XXIII Certame Internacional de Regueifas

A XXIII edición deste encontro decorrerá os días 27 de decembro e 2 de xaneiro.
Regueifeiros
photo_camera Regueifeiros

"Un ano máis e, este non ía ser menos, segundo se achega o Nadal, tamén nos aproximamos ao  momento propicio para escoitar os cantos improvisados en verso dos e das regueifeiras que este ano esconxurarán o coronavirus".

Con estas verbas, o organizador do XXIII Certame Internacional de Regueifas de Valadares (Vigo), Carlos Alonso, convida os amantes da improvisación a asistir ao centro sociocultural da localidade para presenciar o encontro os días 27 de decembro e 2 de xaneiro.

O evento principiará ás 18.30 horas, conducido polo filólogo, investigador e mestre da palabra improvisada en verso Kike Estévez. Veni da Rocha, porriñés, e Palmira Vicente, aprendiz do propio Estévez, serán os primeiros en verse as caras e cruzar palabra no escenario.

A continuación subirá Óscar ‘O Arrieiro’, “galo de Bergantiños”, que improvisará en base a unhas imaxes proxectadas e mais das verbas que recolla do público.

Representando a outra beira do Miño subirán ao estrado João Pedro Viana e Jorge Salgueiro xunto co concertinista Luis Filipe Vitoriao. Os tres forman parte desta agrupación do norte luso e senlleira no seu traballo a prol da cultura miñota.

A continuación, o "máis granado do canto improvisado" terá que enfrontarse a distintas probas. Entre outros, estarán presentes Lupe Blanco, Luís 'O Caruncho', Bieito Lobariñas ou Josinho da Teixeira.

Na segunda xornada terán lugar distintas actividades arredor das manifestacións artísticas nas que están presentes a oralidade, a improvisación, a retranca e o verso clásico. A partir das 18.30 horas, unha serie de artistas por definir amosarán as súas habilidades ao público. 

Comentarios