Valentín Lamas Carvajal será homenaxeado pola Asociación de Medios en Galego

A Asociación cumpre dez anos en 2023.
Capa da publicación O Tio Marcos da Portela (RAG)
photo_camera Capa da publicación O Tio Marcos da Portela. (Foto: RAG)

A vindeira segunda feira, 18 de decembro, ás 11 horas da mañá no Liceo de Ourense, a Asociación de Medios en Galego (Amega), que fai dez anos neste 2023 e da que forma parte Nós Diario, celebrará unha homenaxe a Valentín Lamas Carvajal, promotor de O Tío Marcos da Portela, considerada a primeira publicación escrita integramente en galego. 

Nacida con carácter quincenal, O Tío Marcos da Portela saíu á luz o 7 de febreiro de 1876 e con ese motivo Amega e o Parlamento Galego, veñen celebrando todos os 7 de febreiro o Día dos Medios en Galego. 

Cando iniciou a edición desta publicación, Valentín Lamas Carvajal estaba xa case cego. Porén, a súa obra literaria e xornalística da altura demostra o seu gran tesón, afán de superación persoal e confianza no labor que desenvolvía. 

Con O Tío Marcos logrou un grande éxito, logrando acadar unha tiraxe que superaba os 4.000 exemplares, nun momento histórico no que existían grandes índices de analfabetismo entre a poboación.  

Ademais das seccións literarias, principalmente poéticas, a publicación incluía tamén opinión e actualidade. Mantívose até 1888, cando se imprimiu a última edición na cidade de Lugo. A ironía, o humor e a conexión coas preocupacións dos labregos foron as claves que explican ese resultado. 

No acto desta segunda feira tamén se falará de Basilio Álvarez, autor dun novidoso Manual de xornalismo, publicado a comezos do século XX. O profesor Miguel Cabo ven de publicar unha completa biografía do “cura de Beiro” na que tamén debulla a súa conexión co idioma galego e co galeguismo. 

Comentarios