Os Vacalouras presentan novo sinxelo no día dos Reis Magos

'Game Boy' mantén a liña retranqueira da banda.
Os Vacalouras en xullo de 2023.
photo_camera Os Vacalouras en xullo de 2023.

"Game Boy" é o novo sinxelo publicado pola banda Os Vacalouras, unha canción que expresa a raiba e decepción dun neno que despois de todo o esforzo de portarse ben durante un ano e facer méritos para conseguir a sua querida consola, ve que polo Nadal os aos Reis Magos tráenlle roupa pero non o que máis quería... unha Game Boy. O neno síntese traizoado e decide vingarse das súas maxestades de oriente... 

Este novo sinxelo de Os Vacalouras (baixo a man de Galunk Producións) representa, segundo a banda, "un crecemento e unha madurez musical e, sobre todo, sonora, coa produción musical de  Lucas Márquez (Muki)", sen perder de vista unhas letras xa coñecidas polo público pola ironía e retranca que caracterizan as cancións do grupo. 

Os vacalouras son desde hai máis de 15 anos, emblema do punk/rock experimental máis auténtico (Pataca'n'Roll, como eles definen o seu estilo). 

Fillos do movemento bravú, as súas letras, cargadas de retranca, abalan entre o absurdo e a defensa da tradición galega. 

A primeira actuación “profesional” dos Vacalouras tivo lugar na sala Anoeta a principios de novembro de 2007. Entre 2008 e 2011 dedícanse a compoñer himnos como "Trillei a pirola ca tapa do vater" ou "Súbete ó Vitrasa" e realizan case un centenar de concertos.

En agosto de 2011 ve a luz o seu primeiro disco: Os Vacalouras - Xa están aquí. A este seguiría outros como Eres punki i non o sabes, Capacho Rock, Dos tempos do maispeis ou Xuventude prexubilada, no que contaron coa colaboración do músico portugués Quim Barreiros na peza "Samil é Portugal".

Comentarios