É 'O Samil' de Quim Barreiros e Os Vacalouras a canción do verán?

Portugal reivindica como propia a coñecida praia de Vigo nunha canción con sons festivos que comparten o músico luso e a banda galega. O vídeo leva máis de 12.000 visitas en Youtube nun só día.
Imaxe do vídeoclip creado para a canción estival. (Foto: Os Vacalouras)
photo_camera Imaxe do vídeoclip creado para a canción estival. (Foto: Os Vacalouras)

"O Samil é Portugal, o Samil é portugués...", canta a banda galega Os Vacalouras coa estrela invitada Quim Barreiros, coñecido artista luso que pon voz a himnos de dobre sentido coma "A cabritinha". No novo tema, que podería converterse na canción do verán na Galiza -e tamén en Portugal, ou polo menos na zona norte-, a alianza de músicos reivindica a praia de Vigo como parte do Estado veciño.

Cal é o argumento que esgrimen para tal afirmación categórica? Que a cidadanía do outro lado da 'raia' goza do espazo natural galego e vén pasar moitos días de sol (mesmo por tradición) ao outro lado da fronteira, sempre que a Covid-19 o permita.

Concordas coa teoría? Pensas que en Samil xa hai máis portuguesas e portugueses que galegas e galegos? Se aínda non estás convencida non tes máis que escoitar a cantiga pegadiza que podería sonar nos locais e nas radios do territorio transfronteirizo este verán.

Mentres gran parte da poboación galega está a apostar en pasar parte das súas vacacións en Portugal -pois é a opción sinxela á par que internacional nun contexto de pandemia sanitaria como se amosa a diario nas redes sociais- as e os veciños fan turismo nas terras do norte.

Así o recolle o tema "O Samil é Portugal" que xa podes escoitar en diferentes plataformas musicais desde hai un día. O vídeoclip, que non ten desperdicio, tamén está dispoñíbel en Youtube e xa conta con máis de 14.000 visitas.

Entre as perlas que deixa a letra para a lembranza están "...Pero Samil non é de Ourense, pero Samil non é de Vigo. Foi conquistado legalmente pola xente do sul do Minho". E achegarase xente de Lugo, de Allariz e doutros puntos do interior, pero nalgún que outro bar a pé da area xa ofertan, din os músicos, a famosa "francensinha".

Cunha base musical creada a base de gaitas, bombos e acordeóns que queda na mente, Quim Barreiros e Os Vacalouras insisten en que na praia olívica é preciso refrescarse con "vinho verde" e secar en "toalhas de Valença".

Malia os tópicos e os requisitos "para saír en regra do país", 'O Samil' vai camiño de converterse nun hit irresistíbel que non pararás de cantaruxar e mesmo ten algo de baile para aprender. E se Samil non é o que procura o público, sempre quedará bañarse "no Berbés".

Comentarios