A V edición das Xornadas de Novela Negra chega a Verín

Múltiples conferencias e debates literarios até o sábado. 
A Biblioteca Municipal do concello de Verín (Foto: Google).
photo_camera A Biblioteca Municipal do concello de Verín (Foto: Google).

Cargada de conferencias, debates e mesas redondas, así chega a quinta edición das Xornadas de Novela Negra de Verín que terá lugar entre esta sexta feira eo sábado. O escenario en que decorrerán todas as actividades ao longo destes dous días será a Biblioteca Municipal da localidade.

Nela, até 11 autoras e autores darán a coñecer as súas obras e ofrecerán o seu coñecemento acerca deste xénero literario altamente popular, a novela negra.

A autora Sara Vila dará comezo ás xornadas esta sexta feira ás 12 horas cunha conferencia de entrada libre até completar a capacidade da biblioteca e que estará dirixida especialmente aos centros de ensino verineses. Xa pola tarde, ás 19 horas, Jose Luis Ferreiro Novoa ofrecerá un coloquio titulado "Un sorbo envelenado". 

Continuarán as xornadas ás 19.45 horas coa conferencia "Escribiuse un crime? botemos unha ollada", que correrá a cargo de María Berta Rodríguez Martínez, médica forense que ademais é subdirectora do Instituto Médico Legal da Galiza. Rodríguez Martínez estará acompañada na mesa por Fernando Serrulla, tamén médico forense.

A xornada desta sexta feira finalizará ás 20.20 horas cunha mesa de debate sobre criminoloxía na cal intervirán o maxistrado Vázquez Taín, ademais de Pedro Feijoo, escritor, e Enrique León ex comisario. Dirixirá o debate Miguel Losada, etnógrafo e especialista en ciencias sociais.

Xornada do sábado

Xa no sábado haberá un total de catro conferencias que tratarán sobre diversos temas como ciencias sociais, misterios sen resolver ou as diferentes maneiras de escribir novelas negras. A xornada finalizará cunha sinatura de libros por parte das autoras e autores participantes e un concerto a cargo dos escritores Mikel Santiago e Pedro Feijoo.

Comentarios