Banksy ten cinco novas obras en Verín

O Concello de Verín presentará en breve o roteiro para seguir as obras da exposición ao aire libre 'Verín, territorio Banksy' con réplicas do graffiteiro.

'Neno da caixa eléctrica', que está enlazado con 'Nena con corda', en Verín (Foto: Nós Diario).
photo_camera 'Neno da caixa eléctrica', que está enlazado con 'Nena con corda', en Verín (Foto: Nós Diario).

O Concello de Verín segue apostando pola arte para dinamizar o municipio. Banksy, o artista urbano máis destacado do panorama internacional, desembarcou de novo en Verín con cinco das súas obras máis coñecidas, entre as que destacan Nena con roda, Pulp Fiction ou Think tank

As intervencións forma parte da mostra ao aire libre Verín, territorio Banksy, que formará un roteiro polas rúas que en breve será presentado polo Concello.

As obras e os espazos do percorrido están deseñados dentro do proxecto de Interpretación Patrimonial do Concello de Verín, e a execución dos facsímiles das obras do autor internacional corren a cargo do artista local Alex Araújo.

As obras e o seu emprazamento

No muro do punto limpo da avenida Luis Espada apareceu unha das iconas máis coñecidas do enigmático autor: Pulp Fiction.  Neste traballo o graffiteiro anónimo Banksy parodia á ferocidade dos personaxes de John Travolta e Samuel L. Jackson na película Pulp Fiction de Tarantino (1994), intercambiando as armas por plátanos, o que convirte a escena en risíbel.

Da mesma maneira, na rúa Maior apareceu Nena con roda, outra icona do graffiteiro. Ubicada orixinalmente nunha rúa residencial de Nottigham, fronte a un salón de beleza (como no caso de Verín) unha nena fai hula-hop co pneumático dunha bicicleta abandonada ao seu carón.

Ademais, na rúa Amaro Refojo o roteiro de Banksy executou unha serie centrada nos nenos, mais protagonizada por outra das súas obras emblemáticas: Think tank ou Laboratorio de Ideas, no que unha parella goza dunha cea romántica, mais embutidos nun traxe de mergullador que representa o illamento da sociedade actual.

Nese mesmo conxunto aparecen representados Boy Electric Switch ou Neno da caixa eléctrica, que está enlazado con Nena con corda, nunha intervención na que a obra se sae do marco. Foron realizadas orixinalmente en Brooklyn, Nova York, en 2007.

Comentarios