sábado 16/10/21

Unidade pola rehabilitación do patrimonio que Carvalho Calero deixou en Ferrol

Sete colectivos da cidade convocan un acto reivindicativo para esta sexta feira, 4 de xuño, na praza Vella. Alí darán a coñecer un manifesto no que exixen ao Concello que rehabilite e poña en valor a casa do intelectual na cidade.
Campaña sobre a recuperación do inmoble. (Foto: Cedida) #ferrol #carvalhocalero #ricardocalvalhocalero #intelectual #escritor #rehabilitación
Campaña sobre a recuperación do inmoble. (Foto: Cedida)

Malia que este ano as Letras Galegas non están dedicadas ao autor ferrolán, Ricardo Carvalho Calero segue de actualidade grazas aos actos reivindicativos promovidos por distintas entidades ao longo de toda a xeografía galega. E as actividades non só se centran na lembranza da súa obra, senón na esixencia de que se conserve o seu legado sexa material ou inmaterial.

É, de feito, o que están a procurar varios colectivos de Ferrol desde hai algún tempo. Esta sexta feira, 4 de xuño, mesmo protagonizarán un acto reivindicativo para loitar porque as Administracións públicas rehabiliten a vivenda natal do intelectual e a poñan en valor.

Así o solicita a Asociación Cultural Ferrolterra Antiga a través das súas redes sociais. Será esta unha das institucións que participen na lectura do Manifesto pola reabilitaçcom da casa de Carvalho Calero programada para a sexta feira, ás 18 horas, na praza Vella da cidade.

No acto, presentado por Loreto de Castro, tamén intervirán representantes do Ateneo Ferrolán, a Sociedade Cultural Medulio, a Asociación Veciñal Ferrol Vello, a Rede de Patrimonio Cultural, a Fundaçcom Artábria e o BNG. E despois actuará Xoán Padín.

Segundo explican desde Ferrolterra Antiga, a xustificación desta demanda pública é considerar que "a casa é un sitio histórico, vinculado a memoria de Carvalho Calero".

En consecuencia, inciden en que se trata "dun ben patrimonial que debera ser conservado". Ademais, hai que ter en conta que o inmoble está en Ferrol Vello, "núcleo medieval orixinario de Ferrol e catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC)" aínda que quede moito por facer na súa recuperación e mellora. A partir dese punto de vista, opinan que o Concello ten que asumir o arranxo da casa de Calvalho Calero coma unha "prioridade", que tamén tocaría ás propiedades que lindan coa primeira.

"Alén da necesaria posta en valor da memoria de Carvalho Calero, ten importancia de cara a revitalización e dinamización do barrio", reflexionan.

comentarios