Rodríguez enxalza o discurso "perenne" de Carvalho en favor do uso do galego

Compostela acolleu esta segunda feira unha xornada do Galo sobre o intelectual ferrolán. Francisco Rodríguez repasou algunhas das súas opinións no marco dunha sesión na que tamén se proxectou un documento audiovisual do autor.
Francisco Rodríguez na redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Laura Barcala)
photo_camera Francisco Rodríguez na redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Laura Barcala)

"Carvalho é perenne, non caduca, e coas actuais circunstancias merece a permanencia continua e o título de mestre". Así o comentou o experto Francisco Rodríguez Sánchez nun coloquio decorrido onte no museo das Peregrinacións de Compostela. A actividade, "Ricardo Carvalho Calero. Tempo de esperanza" -organizada pola Asociación Cultural O Galo coa colaboración do Concello de Compostela e o apoio da Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG)- tamén contou cunha proxección na que o estudoso trasladaba o seu pensamento.

Coa proximidade das Letras Galegas na honra da autora Xela Arias, non son poucas as institucións que continúan a render homenaxe tamén ao ferrolán, pois gran parte do asociacionismo cultural de base reclamou, sen éxito, á RAG a prolongación do Ano Carvalho Calero a 2021. O intelectual segue presente na mente de moitos estudosos, como é o caso de Francisco Rodríguez, que destacou a supervivencia do seu discurso en cuestións como a lingua. 

"Carvalho tiña unha obsesión científica, intelectual e tamén emocional e humana pola sorte do galego", subliñou, deixando claro en declaracións a Nós Diario que o profesor e escritor pretendía que a lingua tivese "dereitos propios" e que era preciso restaurar os seus usos sociais. 

Rodríguez destacou que o ferrolán era "favorábel á unidade do galego e o portugués porque son basicamente o mesmo", pero estaba máis preocupado por esa recuperación do idioma en todos os ámbitos posíbeis. 

Así, aludiu á actualidade da defensa que facía pola "restauración" do idioma nun momento no que "o galego pode quedar reducido a un grupo endogámico de profesionais e a un uso puntual pero non colectivo". 

Na súa intervención, Rodríguez destacou outras dúas características fundamentais de Carvalho: "Era un autodeterminista no sentido de que Galiza tiña que definir ela por si propia os seus destinos, o que debía ser, como... Sen tutelas nin subordinación a ninguén", aclarou. Igualmente fixouse no estudo "da evolución literaria" do país sendo "pioneiro o adaíl da sociolingüística". Con esta entrega "á causa da liberdade" acabou padecendo a "represión". 

Segundo Rodríguez hai algo básico que explica a súa actitude: "O pobo galego existe, merece atención das galegas e galegos e tamén quería facer da Galiza un 'pobo normal' que se identificase coa súa propia lingua e que fose consciente de que tiña unha cultura específica que pagaba a pena seguir desenvolvendo". 

Comentarios