A Unesco estuda a candidatura do Xeoparque do Cabo Ortegal

Unha delegación de persoas expertas visita estes días Cedeira, Valdoviño, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, Ortigueira e Cariño para avaliar o proxecto, cuxa resolución non se coñecerá até o próximo ano.
Visita da delegación enviada pola Unesco á zona. (Foto: Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal)
photo_camera Visita da delegación enviada pola Unesco á zona. (Foto: Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal)

Unha delegación de persoas expertas da Unesco percorre estes días os municipios que abrangue a candidatura do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal co obxectivo de obter o distintivo 'Unesco Global Geopark'.

A visita oficial comezou o domingo en Cedeira e Valdoviño, da man dos expertos en xeoparques Chris Woodley-Stewart e César Goso, para coñecer a xeoloxía costeira e diferentes iniciativas impulsadas na zona por un turismo sostíbel.

Nesta segunda feira foi a quenda de San Sadurniño, Moeche e Cerdido, onde visitaron as canteiras de Toelo e as antigas minas de cobre, cunha explicación sobre o patrimonio cultural, material e inmaterial que se está a dinamizar desde o proxecto do xeoparque en relación ao turismo.

"Esta distinción suporía un impulso turístico e económico moi importante para o concello de Cerdido, e para todo Ortegal, posto que sería colocar a nosa comarca no mapa a nivel mundial", dixo o alcalde deste municipio, Benigno Galego.

Durante a xornada desta terza feira está previsto que a delegación da Unesco viaxe cara a Cariño e Ortigueira para observar "o vulcanismo do litoral de Ortigueira", e no mediodía acudirán ao propio Cabo Ortegal, "o 'top' das ecloxitas", precisaron desde a organización do proxecto.

Na quinta feira as persoas expertas manterán unha reunión final co equipo xestor da candidatura do xeoparque, co gallo de facer un balance final desta visita e formular distintas recomendacións.

Os representantes da Unesco elaborarán o informe definitivo nos vindeiros meses para logo remitilo ao Consello de Xeoparques Mundiais, o ente encargado de outorgar a distinción 'Unesco Global Geopark'. Posteriormente a proposta pasará a mans da dirección xeral da Unesco, que deberá ratificala, e logo elevarase ao Consello Executivo deste organismo, que fará pública a súa decisión, previsibelmente, ao longo do próximo ano.

Comentarios