As tradicións celtas e romanas dos maios

Comeza maio, mes en que ten lugar a festa homónima que celebra a fin do inverno e a chegada da primavera e dun florecer que acabará dando sementes, e rexeneración. Tempo en que se conmemora a Árbore da Vida, coas raíces na terra e as pólas á luz. Recuperamos a orixe dos Maios. 
[Imaxe Juantiagues] Maios en Pontevedra
photo_camera Maios en Pontevedra (Juantiagues)

Tras as xanelas e as portas do confinamento coronavinario, o ciclo astral ensina o primaveral maio. Atrás queda o canto do cuco, o orneo dos burros, onde os haxa; os merlos e as andoriñas a ir e vir e a construír o seu niño... Mes cos seus recendos a cinamomo e caravel, que celebra as flores como símbolo do futuro froito e conseguintemente de novas sementes, alimento e remedio. Maio das árbores floridas, como ben estudou Vicente Risco e os seus seguidores, entón tamén da celebración da Santa Cruz, como "arbor una nobilis", Árbore de Redención que di que é a cristiandade. Mes pois de diálogo cos espíritos vexetais, representados na cultura celta e centroeuropea pola divindade do Cernununs, o cervo coroado de ramas, como deus-árbore, "greenman" para os mitólogos ingleses, tan simbolizado na Arte Galega, se o buscamos. Tempo propicio aos bardos, aos trobeiros medievais, aos poetas, ás virxes e ás santas. Mes dos rosarios e das ladaíñas, dos xogos florais, da mocidade, das manifestacións e das revolucións, isto é: de canto implica renovación.

Na Galiza é mes no que tamén floreen tradicións antigas

Mes de Maio que no almanaque pon remate aos meses con letra "r", os tan recomendados na sabedoría popular para xantar lamprea e mariscos. Con tres primeiros días moi celebrados nas urbes, máis que nun mundo rural no que ten orixe e significación, cousas que sempre pasan, xa que ao fin e ao cabo a urbe nútrese da aldea. Na Galiza é mes no que tamén florecen tradicións antigas, as máis romanas, ensarilladas entre herdos célticos que cristianizados pasan e adórnanse no medievo, reiterando a cruz por medio.

O luminoso e primaveral Beltaine

Maio que para os celtas e celtiberos, de tantas tradicións indoeuropeas, zoroastristas, xunto co novembro do Samaín repartía o almanaque anual en dous períodos: o da Luz e o das Tebras, esa permanente dialéctica na esencia da identidade galega.

Maio celta que abre as súas calendas coa festa dedicada ao seu deus Beltaine, Belenus ou Cetsamain, nome do que non se filia proba arqueolóxica nunha Galiza fondamente romanizada e cristianizada, quizais poida que figurado nesas tarascas aínda non interpretadas. Aínda que pola contra abondan topónimos co prefixo bel- que alguén levado pola súa celtofilia poda interpretar inicialmente coa exóticas divindade desaparecida.

Deus solar, do lume pois, que na centroeuropa romanizada ten a súa equivalencia co romano Maius Xupiter, o máis grande deus, o que goberna o ceo e os fenómenos atmosféricos. Mesmo en algunhas zonas, como na Galia, tan en relación con Galiza, venerábase unha divindade feminina Belisena, equiparábel á deusa grega Maia, nai de Hermes, a maior das fillas de Atlas e Pleione, as sete Pléiades identificadas con esa constelación estelar que asoma neste tempo que os mariñeiros dicían propicio ás navegacións. En Roma deusa da primavera, Maia Maiestas, a deusa maxestade asociada ás vestais, ás do culto ás flores e ao lume.

Maio no que se celebra a vida, a fecundidade, no que puido enxalzar tamén as enigmáticas "Matres galaicas", señoras da fartura, nomeadas nalgún epígrafe da Antigüidade como o dun tal Tito Fraterno, segundo recolle a Historia de Galicia de Verea y Aguilar 1852, epíteto local ao que lle dan voltas os historiadores e os antropólogos, ao que lle dan voltas por canto implica de matriarcado antigo.

A desaparecida noite de Walpurgis

Deuses máis celebrados na derradeira noite de abril, a que abre as calendas de maio, coñecida no mundo de herdos célticos-centroeuropeos como a noite de Walpurgis, popularizada por Goethe no seu Fausto. Na Galiza perdéronse os ritos desa noite, coñécense os de acender fogueiras na cima de outeiros considerados "sacros", tempo no que os mozos daban voltas arredor das leiras portando erguidos fachóns de lume, entre outros ritos de fecundidade. Dende a Maía a Noia veñense recuperando nesta noite as fogueiras do Lumapán, lume, frores e froitos.

Festa moi celebrada nesa Irlanda avivadora das súas tradicións celtas, especialmente nos outeiros de Uisneach, condado Westmeath, santuario en relación co de Tara no Condado de Meath, o sitio sagrado da Pedra do Destino, este vencellado ao poder real e ás festas de Samaín, mentres que Uisneach estaba en relación co poder espiritual, como couto ou embigo, axis mundi que era para os clans, santuario do culto ao lume que a arqueoloxía asocia con Beltene, entón coas festas de maio. Sitios sagrados onde reforzar as tribos, como proba a abundancia nestes lugares de monumentos megalíticos, de pozos, de pedras asociadas coa "cama", en Erín do cristianizador San Patricio.

Beltene con prefixo belt- en relación ao deus Bel e o sufixo -tene en alusión ao lume. Festa pois noutrora, e como tantas, con orixe naquelas tradicións do lume e das fogueiras, co mesmo senso que para a Igrexa ten o lume de Pascua ou o San Xoán, de renovación e comezo dun novo tempo, de luz e calor. Festas nas que os druídas tiñan o papel de acender a maxia do lume, facendo pasar o gando e as pertenzas entre as labaradas, como un xeito de purificación fronte ás epidemias.

Coa mesma equivalencia que tiñan as saunas nas entradas dos castros, esas "pedras fermosas" nas que interaccionan os catro elementos en ritos hixiénicos e de purificación. Irlanda, como Galiza, é un pobo en que perdura esa tradición de celebrar esta conmemoración arredor do lume, se ben na Galiza reconvertidos en sesións de pirotecnia e máis modernamente en videoproxeccións.

Maios, festa da árbore florida

Celebracións polas que sempre asoman os herdos orientais asentados no mundo celta, entre eles os zoroastristas, en relación co lume que significa luz, purificación... pero as fogueiras do maio perdéronse. Si se avivaron as do San Xoán e as dos Magostos. Namentres perduran nos primeiros días de maio os ritos do culto ás flores e a árbore, como celebración da Santa Cruz e das cruces florais, asociadas aos maios, esas construcións forais sobre complicados armazóns de madeira e arame, monecos, mesmo nenos ou mozos "vestidos" de flores e de temas diversos, inicialmente os identitarios, para portalos sobre angarellas en procesión, entre comparsas que pasean de porta en porta, con ramos, "crocas dos meus castiñeiros" (canta Curros) e allos porros... cantando retranqueiras coplas, sátiras, os variados cantares de maio... velaquí a orixe das batallas de flores e pétalos, as que co tempo pasaron a ser de papel e confetti... entre cintas e tantos outros elementos comerciais. Tradicións, liturxias reconvertidas ao longo da historia polos reinos da cristiandade, as que, entre tantas cousas, se espallarán e incluso mellorarán en terras conquistadas ao Islam. Sábeno ben os etnoarqueólogos.

Costumes que reportan preparar os escenarios e elementos da festa, como erguer no centro a arbore adornada, o Maio Rei, con sona o de Laza, adornar portas e xanelas das casas con ramos, flores, fiúncho, romeu, cinamomo... o fiúncho tan usado para rúas e pisos das igrexas... complementadas con danzas a toque e bater de garabullos, entre ramallos e arcos florais baixo o que pasan os danzantes mozos. A flor como símbolo de mocidade, entre costumes que se repiten no Nadal con novas fórmulas decorativas.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios