Thomas Kretzschmar e David Regueiro, de xira por Galiza

Thomas Kretzschmar e David Regueiro. (Foto: Nós Diario)
O galego e o francés publicarán novo disco en 2025.

O galego David Regueiro, un dos guitarristas de gypsy jazz máis salientábeis da Península Ibérica -ademais de colaborador de Sermos Galiza-, xunta agora talento e forzas co recoñecido violinista francés de jazz Thomas Kretzschmar nunha serie de concertos ao vivo no noso país. Despois de tocar xuntos en festivais en Francia e experimentar unha química extraordinaria sobre o escenario, ambos presentan un proxecto na escena musical galega, ademais de gravar xuntos músicas que chegarán ao público antes do verán.

Os dous músicos teñen preparadas catro citas para gozar de todo o poder emocional do mellor jazz manouche, acompañados polo lisboeta Gonçalo Mendonça na guitarra e o galego Juyma Estévez no contrabaixo.

O día 5 de decembro, o cuarteto presentarase no Café Vitruvia de Vigo. Ao día seguinte estará no xa mítico Jazz Filloa da Coruña.  A quinta feira, 6 de decembro, estarán na Casa das Crechas de Compostela, para rematar o día 8, no Estudio, tamén en Vigo.

Thomas Kretzschmar estudou violín clásico no conservatorio antes de dedicarse á aprendizaxe do vocabulario do jazz e da improvisación. Leva máis de 15 anos actuando en escenarios de numerosos festivais en Francia e no estranxeiro e gravou discos e participou en numerosas gravacións de diferentes estilos musicais. Tamén imparte obradoiros e masterclass dedicados ao violín de jazz.

David Regueiro, realizou estudos de Guitarra, Educación Musical, Historia e Ciencias da Música en Ourense, Salamanca, A Coruña, Madrid e Londres, e recibiu clases de músicos como Samson Schmitt, Brady Winterstein, Mozes Rosenberg, Adrien Moignard, Joaquín Chacón, Abe Rábade, Paco Charlin, Albert Sanz, Peter Bernstein, Logan Richardson, Steve Brown, ou Philip Catherine, entre outros.

Gañador do Premio Mártín Códax da Música 2023 na categoría Jazz e Músicas improviadas, entre os seus últimos discos están Areal, O camiño ou Perfect Match, este co violinista francés de referencia no manouche Alexandre Cavaliere. Ademais, fai parte da recentemente formada Malabesta.