CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Thelma

thelma1
photo_camera Un fotograma do filme


THELMA
(Noruega 2017, 116 min.) 
Dirección: Joachim Trier
Guión: Joachim Trier e Eskil Vogt
Fotografía: Jakob Ihre
Música: Ola Fløttum
Elenco: Eili Harboe, Kaya Wilkins, Henrik Rafaelsen, Ellen Dorrit Petersen

SINOPSE

Após comezar a Universidade, a coitada Thelma comeza a sufrir ataques de epilepsia. Axiña descobre que estes episodios veñen acompañados de fenómenos estraños que provoca ela mesma, pero que é incapaz de controlar.

CRÍTICA

Os numerosos cambios (e medos) que sufrimos durante a adolescencia son unha excelente escusa para facer cinema de xénero... de xénero de terror para ser máis exactos. Carne de canón en sagas slasher tipo Pesadelo en Elm Street, Venres 13, A matanza de Texas ou Scream, que aprehendía todos os tópicos do subxénero. Cando Brian de Palma adaptou o Carrie de Stephen King virou a perspectiva sobre esta complicada fase da vida e puxo os alicerces para unha nova corrente de terror onde as mozas e mozos xa non eran as vítimas dun desequilibrado con ganas de sangue, agora centrábase o conto nas mudanzas da puberdade mais facíao engadindo un problema a maiores dos graos da cara, os cambios de humor ciclotímicos ou a abundancia de cabelo en sálvase as partes... agora había un compoñente paranormal e de terror. Nos últimos anos semella que se está recuperando esta liña terrorífica con filmes coma Cru (2016, Julia Ducournau), It Follows (2014, David Robert Mitchell) ou Stoker (2013, Park Chan-wook), e tamén, claro, este filme escandinavo do que imos falar.
Thelma acaba de entrar na Universidade. É unha moza apoucada. Cústalle socializar. Un día, na biblioteca, comeza a sufrir convulsións incontrolábeis ao tempo que un paxaro se esnafra contra unha fiestra. Este estraño suceso provoca que inicie unha estreita amizade con outra estudante do campus ao tempo que os episodios epilépticos se repiten cada vez con máis frecuencia. O curioso é que sempre están acompañados de fenómenos inexplicábeis. 

A trama transita entre o drama adolescente e o xénero fantástico con pingas de x-horror [horror xaponés] e thriller nórdico. Medos, inseguridades, relixión, familia, espertar sexual e as paisaxes xélidas conforman o panorama de fondo desta coprodución Noruega (xunto a Dinamarca, Suecia e Francia) que foi seleccionada para optar á Mellor filme de fala non inglesa na 90 edición dos Óscar.

A historia escrita polo propio director, Joachim Trier, xunto co seu colaborador habitual Eskil Vogt (O amor é máis forte que as bombas), acadando o premio a Mellor guión no Festival de Cinema Fantástico e de Terror de Sitges, onde tamén recibiu o Premio Especial do Xurado. De feito Trier repite practicamente con todo o equipo técnico dos seus anteriores filmes. A destacar a dirección de fotografía de Jacob Ihre que contén unha interesante alternancia de planos cenitais con primeirísimos planos da xoven actriz Eili Harboe, un portento que aguanta perfectamente a cámara de cerca cunha actuación, entre virxinal e inquietante, que lle valeu o premio a Mellor actriz no Festival Mar del Plata arxentino.
O ano pasado xa tivo preestrea nas salas do país co gallo do Cineuropa Compostela, onde obtivo un meritorio 6,95 de nota do seu exixente público. A ver o que aguanta agora na billeteira...

Comentarios