Teté Delgado, Francisco Carballo e a arquitectura feita a medida, protagonistas do 'Sermos Galiza'
Lembra que podes atopar o semanario 'Sermos Galiza' este sábado, 15 de marzo, acompañando o xornal 'Nós Diario' nos quiosques.
Unha árbore de cen anos. Así titula Xan Carballa unha ampla reportaxe dedicada a Francisco Carballo na apertura do semanario. Este sábado, 15 de marzo, un acto de homenaxe en Maceda, onde naceu, lembra os cen anos do nacemento de Carballo, cuxa pegada segue aínda vixente.
Do seu tempo de Vigo “quizais sexa o esforzo dedicado á asociación cultural o máis cativador, xunto co seu decisivo compromiso persoal e económico na continuidade da empresa editora do semanario A Nosa Terra, da que foi presidente na etapa máis difícil. 'Entrei na Cultural aos quince días de chegar a Vigo. Ao comezo só participei nas conferencias que convocaban.
A Asociación Cultural utilizouse como plataforma política naquela época. Primeiramente por todo o galeguismo e o antifranquismo. Logo foi indo na liña da UPG. Os vellos galeguistas empezaron a retirarse, tamén se retiraron os do Partido Comunista e quedou practicamente en mans do nacionalismo. No período 1976-1978 servía de local para todo porque non había outro. Logo empezaron os sindicatos e os partidos a ter sedes e cando marcharon empezamos a facer cultura nós'", escribe Xan Carballa neste número de Sermos Galiza.
Volve Teté Delgado
O Sermos tamén celebra o "regreso" de Teté Delgado, que este sábado presenta os Premios Mestre Mateo. Logo de pasar boa parte da súa vida profesional en Madrid, Delgado volve á terra que viu nacer a súa carreira. Inés Pena conversa con ela sobre que significa para ela presentar a gala dos Mestre Mateo, ser muller cun corpo non normativo na industria do audiovisual ou a importancia de atender a saúde mental.
"Para min foi unha sorpresa enorme e, en realidade, estrañoume moitísimo, xa que por fin me volvín integrar na familia do audiovisual galego. Traballei moito na Galiza, pero despois marchei para Madrid e, desde que regresei, hai 14 anos, sinto que os galegos e as galegas seguen pensando que vivo en Madrid. Sinto que me perciben a cabalo entre Madrid e Galiza: os madrileños sínteme galega e os galegos madrileña. Así, a presentación da gala faime sentir ademais de moi galardoada, enormemente feliz", explica Teté Delgado.
PLP Atelier, deseño persoal
Iago Valverde descóbrenos a arquitectura feita a medida a través do traballo do estudio de arquitectura PLP Atelier, desde o que Pablo López e Diego Rodríguez formulan propostas adaptadas ás necesidades da súa clientela.
No PLP Atelier desenvolveron unha metodoloxía de traballo. En primeiro lugar, estudan o contexto. Se é unha reforma, investigan a historia do espazo a intervir. De tratarse dunha obra nova, analizan a contorna. En segundo lugar, e máis importante, tratan de coñecer a persoa. “Atendemos moito á cuestión social das vivendas. Como van vivir as persoas na casa? A relación cos clientes comeza cun cuestionario que nos axuda a coñecer a xente. Na primeira reunión non mostramos imaxes. É unha conversa entre amigos onde imaxinar como queren vivir”, di Pablo, fundador do estudio.
Libros, música e cinema
Como cada semana o Sermos déixanos unha manchea de títulos para renovar lecturas. Entre os elixidos, Pobreza de espírito de Emma Couceiro, a escolla de Teresa Seara para a súa análise. E ademáis deste, outro libro ao que volver ou ao que achegarse por primeira vez. Anxo González Guerra
lembra Francisca Herrera a través da lectura de Francisca Herrera y Garrido. Obra en galego, editada por Camiño Noia na editorial Trea.
Lois Agrelo e David Regueiro asinan as páxinas de música e facilitan o encontro do público lector do Sermos Galiza co punk e co jazz, respectivamente. Regueiro descóbrenos esta semana o dúo formado por Milton Nascimento e Esperanza Spalding, que veñen de publicar o seu primeiro álbum conxunto, Milton+Esperanza.
Agrelo lévanos ao underground en estado puro a través da recensión de Legítimo Polvo de Tigre.
Andrés Castro continua coas reseñas das obras nomeadas aos Premios Mestre Mateo, cuxa gala decorrerá este sábado. Esta semana detense no primeiro filme de Emilio Fonseca, Salvaxe, salvaxe, un “antidocumental de natureza reflexiona sobre os ecosistemas e a súa conservación pondo o lobo ibérico no epicentro, un lobo que devolve a mirada ás cámaras instaladas polo ser humano nunha rodaxe desenvolvida entre Galiza e o norte de Portugal, principalmente, na Serra do Gerês”.
Aves e escena
Xa nas páxinas finais, unha nova entrega de 'Ir á s aves' e un convite acudir ás salas de teatro. Ramsés Pérez anímanos a identificar aves a través das súas siluetas. “Sabemos máis de aves do que pensamos”, afirma. Será certo? Ponte a proba neste novo número de Sermos Galiza.
Pola súa parte, Manuel Xestoso preséntanos As desterradas a nova obra de Quico Cadaval, que conta a historia das monxas de San Salvador de Albeos, en Crecente –obrigadas a deixar o seu mosteiro e desposuídas de todos os seus bens– devólvenos o relato ocultado da subordinación do monacato galego ao castelán e da loita dos mosteiros galegos pola súa independencia.
Por suposto, a entrega do Sermos desta fin de semana fecha con dúas páxinas de pasatempo, asinados, coma sempre por Xerardo R. Roca e Xoán Costa.
*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 15 de marzo, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,40 euros!