O terceiro disco de Tecor Societário explora as interseccións entre o punk e o folk

A banda publicou esta quinta feria, 21 de marzo, o videoclip do tema que lle da título ao disco, Ti que vas fazer.
Tecor Societário.
photo_camera Tecor Societário.

O terceiro disco de Tecor Societário, Ti que vas fazer, indaga nos invisíbeis puntos de intersección entre o punk-rock de corte clásico e o folk. "Agora que o tradicional asoma por canto recuncho sonoro se propón, alguén tiña que achegalo tamén aos postulados musicais, estéticos e conceptuais do punk", declaran.

A banda publicou esta quinta feria, 21 de marzo, o videoclip do tema que lle da título ao disco. Un videoclip gravado por Trece Amarillo no que amosan a dupla compoñente das súas presentacións en directo: a parte máis aguerrida e comprometida xunto coa máis festiva e bailábel.

 

"Defendernos fronte á represión contra a liberdade de expresión"

En palabras de Xabi, cantante do grupo, a peza "é unha reflexión desde o punto de vista dunha mentalidade de esquerdas acerca de como podemos actuar no mundo no que vivimos. De como podemos enfrontarnos a todos eses falabaratos que nos venden as bondades no neoliberalismo a través das redes sociais e de determinados medios de comunicación. De como defendernos fronte a toda a esta represión crecente contra a liberdade de expresión, que tamén se manifesta na música".

Como tentar? Recuperar? / esse impulso que os fixo tremer. / Voltar ocuparmos o espaço de mando / voltarmos ganhar outra vez!, cantan Tecor Societário neste tema que abre o disco e que de algunha maneira sitúa as credencias coas qe se presenta o grupo neste o seu terceiro e máis maduro traballo.

Tecor Societário comeza este sábado 23, no BrisaFest de Redondela, unha xira para dar a coñecer o disco.

 

Comentarios