Terbutalina despediuse dos escenarios nun Emigrason que vibrou coa música galega

De Ninghures, Fillas de Cassandra e Tanxugueiras completaron o cartel dun festival que ateigou a sala La Madeleine de Bruxelas.

Terbutalina, este sábado, en Bruxelas. (Vídeo @gestofoot)

A banda galega Terbutalina puxo este sábado fin a 15 anos de traxectoria, nunha pausa que cualificaron como “indefinida”.

Fixérono a milleiros de quilómetros do seu Muros natal, nunha ateigada sala La Madeleine en Bruxelas, cidade belga que esta fin de semana celebrou a música, a lingua e a cultura galega coa terceira edición do Festival Emigrason.

Desde 2010, Terbutalina subiu de forma ininterrompida aos escenarios, deixando tras de si a pegada de ducias de cancións, concertos enérxicos e momentos inesquecíbeis. Agora, "coas baterías pedindo un respiro", os membros da banda avogan por facer un alto na súa andaina musical.

O concerto deste sábado, para o que tiveron que colgar o cartel de sold out prometía ser un evento “inesquecíbel” para os integrantes de Terbutalina, unha das bandas máis enerxéticas da escena galega.

E así foi. Os de Muros fecharon mais unha edición do Emigrason, un festival impulsado pola diáspora galega que naceu para crear un lugar de encontro para a mocidade galega no estranxeiro. Así, mozas e mozas que se viron obrigadas a marchar do país déronse cita un ano máis en Bruxelas para desfrutar en comunidade da música galega.

Xunta a Terbutalina, compartiron cartel De Ninghures, Fillas de Cassandra e Tanxugueiras que, para engadir aínda máis emoción á xornada, interpretaron xuntas a canción “Muiñeira da Costa”, a súa particular homenaxe á despedida dos de Muros.

Comentarios