"Na diáspora tamén queremos galego!": A reivindicación da "lingua vital" chega a Bruxelas

Galegas e galegos concentráronse en Bruxelas convocadas por Queremos Galego para “frear”, tamén desde a diáspora, a “emerxencia lingüística.

Concentración de Queremos Galego, este sábado, en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)
Concentración de Queremos Galego, este sábado, en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)

Unha manifestación nacional percorrerá este domingo as rúas de Compostela, convocada por Queremos Galego e reclamando “Lingua vital xa!”. A marcha busca "parar a emerxencia lingüística" e exixir á Xunta da Galiza un "cambio de actitude" e a "activación de todos os recursos" para que a "tendencia da lingua cambie".

No marco desta convocatoria e coincidindo coa celebración do Festival Emigrason, perto de medio cento de galegas e galegos déronse cita este sábado en Bruxelas para exixir galego “tamén na diáspora”.

Así, portando unha faixa na que se podía ler “Lingua vital xa! Na diáspora tamén queremos galego”, emigrantes galegas e galegos clamaron pola lingua galega nunha concentración na que tamén estivo presente a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e na que non faltou tempo para a música e o baile.

No Parlamento Europeo

Ademais, precisamente cando hai poucos días o ex vicepresidente da Xunta da Galiza Francisco Conde e a ex presidenta do Parlamento galego Pilar Rojo, os dous do PP, votaran para que o galego non sexa oficial na Unión Europea, as manifestantes tamén corearon “No Parlamento Europeo, queremos galego”.

Logo de que esta votación decorrese no Congreso español, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, limitou a oficialidade do galego na Unión Europea a "temas de status", unhas declaracións polas que foi reprendido pola Rede europea para a igualdade das linguas (ELEN, polas súas siglas en inglés).

Comentarios