Tanxugueiras, á final do Festival de Benidorm coa segunda maior puntuación
As Tanxugueiras debutaron no Festival de Benidorm partindo como favoritas, segundo unha enquisa publicada horas antes do inicio do certame por Electomanía que daba ás galegas 42,2% dos apoios de todo o Estado español, con máis de dez puntos de diferenza coa seguinte mellor valorada, Rigoberta Bandini (29,9%).
E desde a propia presentación do tema co que participan, 'Terra', recibiron unha resposta moi positiva: máis de medio millón de reproducións nas primeiras 24 horas en que se publicou. "Para nós, estar aquí xa é unha vitoria", dixeron antes de entrar no escenario.
A banda alicantina de indie-pop Varry Brava deu comezo á gala co seu tema 'Raffaella', unha alegre homenaxe á artista italiana Raffaella Carrà, finada o pasado verán. En segundo lugar actuaron as veteranas Azúcar Moreno, que obtiveron a 5ª posición en Eurovisión 1990, co flamenco de 'Postureo'.
A ilicitana Blanca Paloma presentou no escenario 'Secreto de agua', un canto, segundo explica a propia artista, ás voces oprimidas. Unique, unha boyband de estilo pop, competiu coa canción 'Mellores'.
E a quinta foi a quenda do trío que conforman as irmás Sabela e Olaia Maneiro e máis Aida Tarrío. Cunha posta en escena impecábel, presentaron no certame un estilo propio que mestura o canto e o baile tradicionais con outros sons máis modernos.
E, finalmente, Chanel participou no Festival de Benidorm coa canción de reguetón 'Slomo'.
Unha vez rematadas as actuacións e abertas as liñas telefónicas para o voto por SMS ou chamada, o vencedor de Eurovisión en 2017, o portugués Salvador Sobral, interpretou o seu tema 'Fui ver meu amor' (2021) e, antes de abandonar o escenario, dixo: "Eu vou coas galegas".
Voto do xurado
O xurado profesional votou maioritariamente Chanel (55 puntos), con outros 41 para Blanca Paloma, 39 para Azúcar Moreno e Varry Brava, 38 para Tanxugueiras e 28 para Unique.
O voto demoscópico, pola contra, deu ás Tanxugueiras a segunda maior puntuación (25), co que conseguiron escalar postos na clasificación.
As galegas recibiron unha sonora ovación cando se anunciou o voto demoscópico. Pola contra, o voto outorgado polo xurado profesional desatou os apupos do público alá presente.
Após sumar o televoto —chamadas e SMS—, no que Tanxugueiras obtivo 30 puntos, o resultado foi o seguinte: Chanel (110), Tanxugueiras (93), Blanca Paloma (79), Varry Brava (74), Azúcar Moreno (69) e Unique (55).