Caderno de Verán

Tanxugueiras, un combinado de tradición

Tanxugueiras aposta na mestura da música tradicional galega con máis sons dando lugar a creacións que impresionan. A súa estratexia está a introducir ás xeracións máis mozas na cultura galega
As Tanxugeiras están entre as máis oidas na Coruña e en Vigo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Imaxe promocional da banda feminina (Foto: Berta Domínguez)

Aquelas persoas que teñan querenza pola música tradicional e polo folk de seguro coñecen o grupo Tanxugueiras (Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro). Desde os escenarios e desde internet as rapazas danlle vida aos cantos con sons galegos xogando con fusións sorprendentes. Se ben é certo que algunha cancelación padeceron, hai oportunidades de coñecer a súa aposta profesional  en varios foros festeiros. 

Por exemplo, Sabela Maneiro conta que quixeron facer "algo polo Día da Música". O proxecto acabou "cunha fusión de diferentes estilos para ver como a acollía a xente". E ese público quedou encantado co atrevemento de darlle unha capa de rap ao folk.

Con independencia dos corsés nos que as poida colocar a xente, Maneiro di que fan "as cousas segundo nos vai nacendo". A meta é chegar "o más alto que se poida xogando cos estilos e sen etiquetas". Esa mestura, ese risco, esa paixón... Son aplaudidos na Galiza, mais curiosamente "onde máis acollida ten a nosa música é en lugares como Glasgow, Cuba, a India...". Este ano non se pode andar a xirar sen tantas fronteiras. 

Ademais de velas no país, un novo proxecto vén en camiño. O tema do Día da Música non foi casualidade. "Estamos a dar pildoriñas para probar, estruturando e reformulando todo con diferentes estilos antes de botalo a rodar", adianta sobre o futuro máis próximo. En cinco anos levan xa dous discos, non é mala evolución. 

O seu "optimismo" musical e vital contáxiase pronto porque "a lectura deste ano é moi positiva". Malia enfrontarse aos efectos da pandemia, reflexiona recoñecendo que aproveitaron para "estudar músicas" e formarse. Entenden que 2020 vai sendo ben aproveitado. 

O atrevemento é tal porque queren que a súa xeración se vexa reflectida nelas. A pesar de decantarse polos sons tradicionais teñen unha estética que vai cos tempos. "Reflicte como somos, é unha visión dos nosos tempos para chegar a todos os públicos", incide Maneiro.

Grazas a iso nos seus espectáculos vense mozos, pais e nais e avós. A estratexia para introducir á rapazada na cultura tradicional galega non pode ser mellor.

Comentarios