O Supremo admite os recursos do Concello de Santiago contra a sentenza das estatuas de Isaac e Abraham

O Goberno local entrevé unha "leve esperanza" para reparar a "inxustiza" de que a Audiencia de Madrid recoñecese a propiedade das figuras do Mestre Mateo á familia Franco 
Estatuas de Isaac e Abraham (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Estatuas de Isaac e Abraham (Imaxe: Europa Press)

O Tribunal Supremo admitiu a trámite os recursos de casación e infracción penal presentados polo Concello de Santiago contra a sentenza da Audiencia de Madrid que outorga a propiedade das estatuas de Isaac e Abraham, do Pórtico da Gloria, á familia Franco, un fallo que o alcalde cualificou de "claramente inxusto".

O rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, aplaudiu esta sexta feira en rolda de prensa o feito de que aínda "estea entreaberta" unha porta que "parecía fechada", en referencia á acción xudicial que o concello mantén contra a familia Franco pola propiedade destas estatuas do Mestre Mateo.

"Esta mañá recibimos a comunicación do Tribunal Supremo, que admite a trámite os dous recursos do concello e abre un novo procedemento tanto por casación como por infracción procesual", dixo Bugallo, quen advertiu que "non se pode cantar vitoria en absoluto".

Agora, o concello ten 20 días para documentar as súas queixas, no caso da infracción procesual, e os seus argumentos, no recurso de casación.

"Leve esperanza"

Desta forma, o Goberno local mantén unha "leve esperanza" de que o Supremo "poida reparar esa tremenda inxustiza derivada da sentenza da Audiencia de Madrid", que lle recoñece a propiedade á familia Franco, "aínda que esta non puido acreditar en ningún momento" os documentos de posesión das mesmas, mentres que o consistorio entregou "a escritura de compra desas esculturas", dixo o alcalde.

"Confío en que o Tribunal Supremo aprecie esa documentación que se foi achegando en cada momento e revise unha sentenza que teño que dicir que me parece claramente inxusta", engadiu Sánchez Bugallo.

"Patrimonio de todos"

A intención do consistorio é "recuperar o que debe ser un patrimonio de todos", explicou o rexedor, que lamentou que os Franco non aceptasen a proposta que o concello realizou hai un ano, para que cedesen as esculturas para a súa exposición ao Museo da Catedral. "O que queremos é que poidan verse", dixo.

Para finalizar, Sánchez Bugallo asegurou que o concello "seguirá pelexando até onde poida" e "reclamando a reparación" do que consideran unha "apropiación indebida" das figuras de Isaac e Abraham, pertencentes orixinalmente á anteportada do Pórtico da Gloria, desaparecidas desde os anos 50.

"Oxalá isto anticipe un final feliz", apostilou.

Comentarios