Cultura

Os síntomas da COVID-19 na cultura de base

O asociacionismo cultural, nunha situación crítica
Presentación dun libro
na asociación cultural Medulio (Ferrol).
photo_camera Presentación dun libro na asociación cultural Medulio (Ferrol).

n dos alicerces fundamentais da nosa cultura atópase na acción cidadá a través do asociacionismo, en todas as súas vertentes. A incerteza e a fraxilidade da situación actual deixan un panorama complexo para estas entidades, que tamén constitúen unha parte fundamental do tecido cultural, se cadra menos contemplado cando se fala en termos económicos da industria do país.

A sociedade cultural Medulio (Ferrol), unha das máis veteranas da Galiza con catro décadas ás súas costas, ten o groso da actividade "totalmente paralizada", explica a presidenta, Elia Rico. Aínda que a organización mantén o contacto a través dun grupo de WhatsApp, o conxunto da programación que desenvolven está enfocado á asistencia de público, polo que ademais de estaren paradas non teñen idea de cando se poderían pór en marcha de novo. Presentacións de libros, conferencias, excursións... teñen un futuro incerto após o confinamento. Mención á parte tería o seu labor no eido teatral, que ían estrear no teatro Jofre mais xa dan por perdido unha vez tiveron que pausar os ensaios.

Sería esta unha situación común, aínda que algunhas entidades se atopan máis activas virtualmente. María Xosé Bravo, da Fundación Alexandre Bóveda (A Coruña), expresa que manteñen "bastante actualizadas a web e as redes para o que é unha asociación cultural", se ben a parte presencial é a súa cerna. Con todo, están a valorar a reactivación de certas iniciativas de maneira telemática, como os clubs de lectura.

Preocupación polo tecido

María Antonia Pérez, presidenta da Agrupación Cultural O Galo  (Compostela), comenta que están a vivir este momento con "moita preocupación e á expectativa en diferentes aspectos". Hai un especial temor ao que a crise sanitaria poida implicar no eido cultural, ante un futuro próximo no que se vaticinan importantes perdas de emprego. "Se non se toman medidas serias, verémonos nunha situación cuns custos sociais terríbeis", advirte Pérez. Así, a súa preocupación esténdes e alén das propias actividades programadas polo Galo e fócase no "porvir do eido socioeconómico".

"É imprescindíbel que as Administracións fagan aquilo que teñen a obriga de facer: axudar e acompañar a todo o movemento cultural", afirma Bravo

Nesta mesma liña apunta Rico, que refire como "as actividades culturais non son consideradas de emerxencia social", polo que as axudas non van enfocadas cara a elas. Bravo insiste no papel que as institucións públicas deben xogar (sempre, pero máis que nunca) apoiando o tecido asociativo, tendo en conta o seu labor e a súa importancia para o desenvolvemento do pensamento crítico. "É imprescindíbel que as Administracións fagan aquilo que teñen a obriga de facer: axudar e acompañar a todo o movemento cultural", afirma, pois só así se poderá falar dunha democracia cultural.

Á marxe das axudas

Eva Cortinhas conta que a situación que atravesa a Gentalha do Pichel (Compostela) é tamén "bastante crítica". Ao se tratar dun centro autoxerido cos ingresos procedentes das asociadas, actividades como os cursos e os concertos resultan fundamentais para "axilizar a economía" cotiá. Se ben algúns dos cursos se están a manter, cun importante esforzo por parte do profesorado e do alumnado para realizar a docencia a través das pantallas, a pasada semana fixeron público que, como era de agardar, non se poderá celebrar a tradicional Festa do 17, un "evento central non a nivel económico -ás veces perdemos cartos-, pero que para nós é referencial e implica moitas actividades colaterais". Segundo apuntaban nas súas redes, "a necessidade de focalizar todos os nossos esforços em assegurar a sobrevivência do centro social ante a delicada situaçom económica na que se encontra o projeto impede-nos pensar na organizaçom", para alén da colaboración fundamental dos comercios locais que arestora enfrontan unha situación moi delicada. A raíz deste comunicado, a Fundaçom Artábria (Ferrol) pronunciábase facendo tamén súa a situación que atravesa a Gentalha e insistindo no imprescindíbel apoio das socias: "O feche dos nossos espaços físicos está a mermar a nossa já precária situaçom económica".

"Non queremos ser pesimistas, pero estamos preparadas para un escenario duro", di Pérez

Doutra banda, a cancelación de eventos no verán supón un golpe  igualmente duro. "Todo apunta a que tampouco se poderá celebrar o San Xoán", que "dinamiza moito a caixa", explica Cortinhas. Esta continxencia é partillada polo Mádia Leva (Lugo), segundo nos relata Lois Losada. Se ben a parálise da actividade de cursos ou presentacións "non é fundamental na recadación", unha das súas principais fontes de ingresos é a participación en eventos, nomeadamente no festival de Pardiñas, que serve de "pulmón" á asociación lucense. "Xa veremos como están as cousas daquela", expresa Losada. Mesmo antes de que se decretase, o Mádia xa contemplou o feche das instalacións, unha decisión que desde a distancia se observa como acertada, aínda que afectase tamén a actividade no tecido asociativo da cidade, do que é partícipe e acolle distintos proxectos.

Un escenario duro

"A crise sanitaria chegou nun momento no que a nosa cultura estaba moi ninguneada, non se atopaba cos apoios necesarios, polo que as consecuencias poden ser máis fortes", opina Pérez a respecto do impacto da pandemia. Dando por feito que o labor de certo asociacionismo resulta molesto para quen ostenta o poder, non descarta que se vexa a oportunidade de facerlle perder forza ao movemento. "Pero ninguén ten a bóla de cristal para saber o que vai acontecer", engade Pérez. O que si nos asegura é que O Galo "vai loitar con forza para que iso non aconteza, nin a nós nin a ningunha asociación cultural do país". Asumen con isto a forte proxección da entidade en toda a Galiza, arrastrando cunha parte do tecido cultural. "Non queremos ser pesimistas, pero estamos preparados para un escenario duro", conclúe Pérez con contundencia.

Para un contexto semellante prepáranse na Gentalha, pois contan con que a perda de capacidade adquisitiva das asociadas faga máis apertada a economía da asociación. Porén, "temos moi claro que o primeiro é protexer a saúde, non queremos acelerar os tempos", aclara Cortinhas considerando a reapertura, mesmo no caso de se producir unha desescalada demasiado rápida "para protexer os intereses do capitalismo".

"Somos conscientes de que nada vai ser igual", destaca Losada. Non se refire en exclusiva ao económico, senón tamén ao organizativo nunha nova normalidade na que percibe unha probábel perda de liberdades. Porén, Cortinhas traslada a confianza á capacidade de autoorganización: "Teremos que ser creativas para reverter as consecuencias". A fin de contas, a do asociacionismo é unha historia de supervivencia nas condicións máis adversas.

Comentarios