Cultura

Confinadas si, mais con cultura de base

O asociacionismo galego fronte ao coronavirus
Montse Rivera (Leilía) na homenaxe a Erminda Miramontes
photo_camera Montse Rivera (Leilía) na homenaxe a Erminda Miramontes

Contan que alá no alto da Serra do Rañadoiro, na parroquia de Padornelo (no límite entre os concellos das Nogais e Pedrafita do Cebreiro) hai unha Pena, chamada do Altar, na que se facían sacrificios humanos, matando a xente cortándolle a cabeza. Non moi lonxe está a Cova de Forcas, escavada na pedra calcaria, que despois da guerra civil foi utilizada como refuxio polos fuxidos.

Entre a realidade histórica e a evocación da lenda, estas son algunhas das curiosidades que podemos ler grazas ao labor de compilación e divulgación do colectivo Patrimonio dos Ancares. A corentena moveu esta asociación a pór no coñecemento común unha serie de "historias, tradicións e lendas" da súa comarca que teñen recollido. De momento, van entregas dos concellos de Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá e Baralla.

Malia o feche de asociacións e colectivos culturais do país, coa conseguinte cancelación de toda programación, non son poucas as que optaron por manter parte da actividade a través das redes, ofrecendo alternativas para aprendermos ou entretérmonos durante a corentena.

Palestras virtuais

A asociación sociocultural de Foz A Pomba do Arco decidiu aproveitar a corentena para facilitar o acceso virtual a diferentes palestras. Así, desde o 17 de marzo levan sumando á súa canle de Youtube intervencións como a do xornalista Martín Fernández Vizoso, que fai un percorrido pola historia de Cangas no século XIX, ou o profesor emérito da Universidade da Coruña Xoán Ramón Vidal Romaní, que repasa a historia xeolóxica da Mariña, significando as formacións máis características da zona, como a praia das Catedrais ou as turbeiras da praia da Arealonga en Nois.

A última incorporación foi Rafael Quintiá, que fechaba as XXIV Xornadas de Historia Local coa charla "Obxectos curadores e uso de amuletos na cultura popular". Igualmente, a Pomba do Arco partilla presentacións de libros, por exemplo, a feita por Antonio Rodríguez Baixeiras d'A síndrome de Hayworth, de Natalia Alonso Ramo, ou por Xosé Ramón Antonio Veiga do seu Poder e política na Galiza.

Estas intervencións e conferencias súmanse aos audiovisuais que adoitan compartir na súa canle, tamén boas alternativas para quen non tivese antes a oportunidade de achegarse a elas. A da Pomba do Arco únese así a outras iniciativas de orixe máis institucional, tal que a adaptación do ciclo Pensarmos do Consello da Cultura Galega, que, desde a pasada semana, cada quinta feira recupera na web, baixo o título Repensarmos, un relatorio das figuras que foron pasando pola entidade, cuxas reflexións se relacionan con algún aspecto da actualidade. A primeira veu da man de Jorge Riechmann.

Tradición contra o virus

Para contribuír a facer máis levadío o confinamento, a Asociación de Gaiteiros Galegos puxo a disposición da comunidade todos os números do seu voceiro, nos que se pode consultar o traballo levado a cabo ao longo dos anos polo colectivo, xunto con artigos de interese sobre a música e o baile tradicionais, entrevistas, partituras...

Ademais, os últimos días, con motivo da homenaxe programada no Xantar Gaiteiro a Erminda Miramontes o pasado 29 de marzo, que non se puido celebrar, o Facebook da asociación estivo percorrido de vídeos de distintas persoas recoñecidas que lle envían o seu agarimo a esta pandereteira e bailadora de Ponte Grixoa (Concello de Santiago, anteriormente Enfesta), por cuxa casa pasaron e pasan compiladoras de todos os lugares da Galiza, pois aínda aos seus 89 anos segue recibindo no seu lar a toda aquela "que se achegue a preguntarlle se sabe algunha melodía das de antes".

A cantante Faia Díaz afirmaba que Miramontes "forma parte dunha das materias máis importantes da miña universidade persoal", expresando a admiración que por ela comparten Montse Rivera, Miro da Leonesa ou Alejandro Martínez Míguez.

Doutra banda, a Asociación de Gaiteiros Galegos fai eco das diferentes iniciativas que desde distintos puntos do país están a xurdir arredor da música tradicional, agrupando baixo o cancelo #tradicióncontraovirus propostas como o videoclip dos Carapaus ou as pílulas audiovisuais de "Bataman" (ou o home bata) e os seus micropuntos de baile. Neste senso, danlle tamén visibilidade á iniciativa xurdida nas redes a nivel estatal #rondadorescontraelvirus, e as súas variantes, nas que están a participar moitas voces galegas -Gabi Reboredo, Nuria Gesteira, Luis Prego...- compartindo coplas da nosa tradición, desde romances a cantares de arrieiro.

Pola súa banda, os Gaiteiros do Ulla están a achegar por capítulos información sobre as monteiras empregadas na zona durante o século XX, defendendo a existencia dun modelo propio. E Xacarandaina, após ter que cancelar o seu Concurso de Música Tradicional -previsto para 25 de abril-, ameniza a corentena "cunha dose de música tradicional" compartindo cada día un vídeo da Gala do 40 aniversario da asociación.

E Xacarandaina ameniza a corentena "cunha dose de música tradicional" compartindo cada día un vídeo da Gala do 40 aniversario da asociación.

Como é o caso de Xacarandaina, moitos destes colectivos viron truncadas parte das actividades que tiñan axendadas. A Fundaçóm Artábria (Ferrol) non puido celebrar como tiña pensado o aniversario do pasamento de Carvalho Calero, para o que tiña preparado diversos eventos que, con todo, prometen levar a cabo cando sexa posíbel.

A súa axuda para que "estes días pasen o máis rápido posíbel" foi a liberación na rede da banda deseñada Historia da Galiza, editada en 1995 con ilustracións de Leandro Lamas. O cómic é unha maneira divertida de "aprender algo máis do noso país", na que imaxe e palabra se empregan como "intrumento educativo, fonte de pracer estético e expresión dunha esperanza".

Merendar con poesía

A asociación Nova Poesía Guitirica (NPG) quere contribuír cos seus versos a apurar as agullas do reloxo nestas xeiras de reclusión. A partir de mañá, cada día ás 18 horas, o seu grupo de Facebook retransmitirá en directo un recital dunha poeta integrada no movemento. Fátima Fernández, María Pereira, Branka Villar, Moncho Bouzas, Pas Veres ou Clara Blanco serán algunhas das primeiras.

Se todo vai segundo o previsto, probabelmente veremos "un recital aberto con outros grupos poéticos de base", afirman desde Nova Poesía Guitirica

Ademais, se todo vai segundo o previsto, probabelmente veremos "un recital aberto con outros grupos poéticos de base", afirman. E é que a poesía virtual está a ter moita repercusión estes días, con iniciativas como os directos de Instagram de Miña Poesía, Meu Lar ou o Corona Itsum de Leite Edicións.

Igualmente, para a cativada proliferan alternativas como a Pandemia de Contos do colectivo NOGA -tamén para adultas-, ou as narracións promovidas desde a escola Semente.

Comentarios