Sheila Patricia, música: "Fago unha parada para reflexionar sobre quen son e quen quero ser"
A artista Sheila Patricia publicou esta segunda feira 'A Xeitosa', un adianto do que será o seu último disco antes de comezar unha parada. Nesta entrevista concedida a Nós Diario, desvela os motivos que propician a decisión de baixar dos escenarios e valora o seu percorrido e as súas referencias.
—O seu novo disco e xira serán un preludio a unha parada. Que a levou a tomar esta decisión?
É unha parada para reflexionar sobre quen son e quen quero ser desde esta nova etapa da miña vida que é a maternidade, que foi para min, aínda que marabillosa, súbita. Ser muller cis xera unha circunstancia biolóxica ou reprodutiva (xerada pola maternidade, a menopausa ou a menstruación) na que se notan certas diferenzas fisiolóxicas con respecto aos homes. Defender a nivel produtivo e artístico unha carreira nunha sociedade na que os coidados non están nin remunerados nin, moito menos, valorados, faime pensar e achegarme a unha serie de reflexións que quero ter desde o plano privado. As persoas que temos carreiras relacionadas coa comunicación e a sociedade, que exixen unha imaxe cara ao exterior, se non temos espazos de autocoidado e reflexión, dificúltasenos, aínda máis, vivir acorde ao pensamento crítico, que é a cuestión central. Por tanto, a parada é, un pouco, para reflexionar sobre o meu momento vital e poder abrir este “melón”.
—Sobre a figura de “artista”: está moi mitificada ou ser artista é, simplemente un oficio? Que hai das condicións laborais e a conciliación no mundo artístico?
Eu defendo que, como artista, son unha traballadora. É o meu oficio, o que me queima e, á vez, o que me fai feliz. Certo é que esa mitificación dos artistas ten parte de verdade no senso de que, os que teñen traballos artísticos, moitas veces afirman que “teñen un pé no ceo e outro na terra”, e, na miña opinión ten que ser así. Mais, no nivel humano somos xente que ten un traballo e logo chega á súa casa, como calquera outra persoa, pero sen ningún estatuto que avale o noso labor. Está amparado como o estaría, por exemplo, unha persoa que fai pan, mais as particularidades da nosa profesión afástana dun obradoiro.
A min paréceme que hai moito que pór sobre a mesa, por iso son presidenta de Músicas ao Vivo, asocieime, precisamente, para defender isto, e pretendo reflectilo na miña carreira artística. Trátase dun traballo que se fai de luns a venres en horario de oficina e, as fins de semana, en xornada nocturna, e cunha grande inestabillidade horaria. Esta inestabilidade súfroa eu, mais tamén a xente que leva moitos anos, e xente que acaba de comezar. Son uns poucos os que poden. Eu teño unha realidade moi benévola, teño moita sorte, teño un acompañamento, teño recursos... Afortunadamente eu son unha artista á que lle vaia ben, non teño esa perspectiva tan derrotista.
Porén, teño que vivir e crear desde unha perspectiva social. A miña vontade é ter en conta a contorna, na que non todo o mundo vive esta situación favorábel, de poder criar e seguir a crear. Ao final, a parada tamén é para crear unha burbulla, para ter un pensamento crítico e poder actuar en consecuencia.
—Mirando en retrospectiva, cales son as sensacións xerais destes anos? Cal é a valoración que fai con respecto a esta etapa?
A valoración xeral é moi positiva. Vexo que hai xente nova que me di que ten no foco a miña carreira e a miña forma de traballar, e iso é moi bonito. María, de Fillas de Cassandra, sempre di que me teñen moi presente como persoa que ten un empurre de traballar desde a autoxestión.
Ademais, un modo de vida precioso e marabilloso e unha pegada. Ao ser unha artista que non ten moita discografía, mais si moito directo, compartín con moita xente, partillamos unha chea de espazos. Hoxe podo dicir que somos unha comunidade moi bonita, xunto con moita outra xente coa que vivín concertos e momentos que, ao final, é unha aprendizaxe. Foi un privilexio.
—Adiantou esta parada a Nós Diario e informarase dos seus novos temas que vaia publicando do que será este, polo de agora, último disco, mais pode avanzar como foi o proceso a nivel xeral do mesmo? Que sons se busca e como o describiría unha vez feito?
Á miña porta chega Nós Diario cada día, e decidín, xunto á miña equipa, facer este seguimento, porque vén un disco no que seguirá a haber moita música tradicional contemplada entre a música electrónica e a acústica. Non hai un criterio de exploración, está cheo de cousas que me gusta facer. Eu son unha persoa moi ecléctica musicalmente, e iso foi o que reflectín neste disco.
Hai unha produción como 'A xeitosa', que é o primeiro tema que anuncio, xunto con algún tema que xa toco nos directos, algunha muiñeira tocada con guitarra e voz (que é pouco habitual, as muiñeiras adoitan a facerse con pandeireta). Tamén hai algún tema cunha pequena produción electrónica, na que a base son pandeiros e pandeiretas. É un disco co que eu estou moi conforme a nivel de texturas, creo que é moi textural. Para fechar esta etapa para min é moi bonito porque narra moi ben o que eu son como artista. Neste punto, era difícil facer un disco que soase dun xeito concreto, no que todos os temas tivesen a mesma textura. Se teño que definilo? O disco é moi Sheila Patricia.
—A súa música é unha mestura de distintos sons, na que os sons da música tradicional mestúrase con elementos propios doutros estilos, como poden ser a electrónica ou o jazz. Que artistas a influíron ao longo da súa vida para chegar até ese estilo? Que artistas lle resultan interesantes e son referentes a día de hoxe para vostede?
A miña vida está moi atravesada polas músicas nas que a voz é moi importante. Xa a voz era importante na miña casa, a miña nai canta desde que eu son nena, e cóntame que, desde que tiña un ano de idade, eu choraba de emoción cando me cantaba arrolos.
Eu estouno comprobando agora coa miña filla: o ser humano conecta coa voz dun xeito moito máis xenuíno, alén do resto da música, que é máis intelectual, hai algo de pel aí. Creo que as miñas influencias están atravesadas co relacionado coa voz, coa oralidade.
Na miña casa, ademais dos arrolos, lembro escoitar casettes de músicas de Latinoamérica como Mercedes Sosa. Tamén teño escoitado moito Serrat, Los Panchos, Pucho Boedo, Los Tamara... en fin, esas músicas que, facían ese mesmo estilo desde este lado do mundo. Despois cheguei, na miña adolescencia, ao fado, que me parecía brutal, sentilo tan lonxe estando dan perto a nós. As músicas latinoamericanas teñen voces máis narradas, en cambio, no fado, a voz transmite esa paixón e esa dor tan características. Nesa mesma idade chegou, para min, a música tradicional cantada. Eu xa tiña relación coa música tradicional desde a gaita, o meu primeiro instrumento.
Logo xa reconectei co relacionado coa fusión, co folk... lembro que me marcou Luar na Lubre, e o directo de Milladoiro. Tamén escoitaba moito rock, en directo e na propia casa. Despois, na miña adolescencia comezamos a viaxar a Cuba, e a min atravesoume o corazón, tamén nas súas músicas: os ritmos latinos, a salsa...
Na actualidade, veño escoitando a artista cubana Daymé Arocena, a cantautora chilena Nicole Bunout... non son moi recoñecidas, pero están a facer un traballo moi bonito.
Tamén escoito Los Bam Band ou Jorge Drexler. Aliás, escoito os meus coevos, os meus amigos e amigas, xente como Mondra ou Alana, tamén me gustan moito.
—Esta fórmula de mestura de música tradicional con outros sons é algo quizais máis habitual no actual panorama musical galego. Como o valora? En que punto considera que está a música en galego na actualidade?
Comezo nomeando Mondra porque, desde a miña perspectiva, é unha das persoas máis talentosas que temos agora mesmo na Galiza. Martín [Mondra] e eu coñecémonos desde que el tiña dezaseis anos, e, xa nese momento –no que temos falado de tocar xuntos- xa era evidente, e segue a selo, que ten un gran talento. É como un showman, ten talento como cantante, como bailarín... é unha persoa moi polifacética. Boto en falta na Galiza máis xente con este perfil. Estamos nun momento moi rico, no que hai moitas agrupacións, dúos, tríos, agrupacións grandes... A min, como cantante, encantaríame ver máis xente solista. Non sei se fai falla ou non, mais a min inspiraríame moito, un perfil do estilo de Mondra. Pero son únicos e é moi difícil atopalos. Porén, creo que estamos nun momento rico no que se está a facer boa música.
"As músicas e a situación lingüística no momento actual"
O repaso da situación da música en galego foi acompañado cunha reflexión sobre o momento lingüístico en xeral. Sheila Patricia móstrase preocupada polos datos que fan referencia ao uso da lingua. Considera que é imprescindíbel a inmersión lingüística das persoas neofalantes, aproveitando que “ser neofalante xa non leva consigo o estigma que si levou anteriormente”. Neste senso, se ben valora positivamente a influencia das músicas en galego, que, opina “teñen un grande impacto” e “poden ser un incentivo, axudar a algunha persoa que se atope no proceso a dar o paso de mudar a lingua”. Engade que a arte fomenta “un orgullo de identidade que vai alén da lingua”. Porén, non lle parece que isto sexa suficiente. A normalización, aos seus ollos, ten que vir “desde o comercial, tanto no caso da industria musical como o comercio no sentido máis amplo. Sinala que “se desde o público non se fomenta [o uso da lingua] non se vai facer desde o privado, e ten que suceder desde o privado”.