Sés, Hugo Guezeta, Riot Propaganda e Heredeiros da Crus, entre as primeiras confirmacións do Revenidas 2025

A cantora galega, María Xosé Vilar, Sés (Foto: Nós Diario).

O festival, que decorrerá en Vilaxoán do 11 ao 14 de setembro, tamén contará no seu cartel con The Baboon Show, Bewis de la Rosa e Dick Move. Os abonos están á venda na web revenidas.com a un prezo de 65 euros.

O retorno aos escenarios de Riot Propaganda, tras o seu adeus en 2018, é unha das grandes noticias musicais de 2025. E, como non, o Revenidas tiña que ser un dos seus destinos. A mítica banda de rapcore ofrecerá en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa, O Salnés) o seu único concerto na Galiza e un dos únicos dez que vai realizar en todo o territorio español.

Ademais de Riot Propaganda, o primeiro avance do cartel do Revenidas inclúe, fiel a súa esencia e aos seus sinais de identidade, propostas internacionais como os bosnios Dubioza Kolektiv, as suecas The Baboon Show e as neozelandesas Dick Move, figuras emerxentes da escena estatal como a rapeira madrileña Bewis de la Rosa e, por suposto, unha destacada representación da música galega que, de momento, queda exposto en Sés, Heredeiros da Crus e Hugo Guezeta.

Este primeiro avance do cartel reflicte o compromiso coa paridade de xénero, coa presenza de artistas como Sés ou Bewis de la Rosa e bandas con destacadas presenzas femininas na súa formación, como The Baboon Show e Dick Move.

Os abonos para Revenidas 2025, que decorrerá en Vilaxoán do 11 ao 14 de setembro, están á venda na páxina web a un prezo de 65€ máis gastos de xestión. As persoas que merquen o abono tamén poderán reservar na web o acceso á acampada por un importe de 10 ou 15 euros.

O Festival Revenidas conta co apoio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas, que conecta artistas e público en torno á música en vivo.