Cultura da Deputación da Coruña convoca as Residencias Artísticas Mariñán 2025
Seleccionará, como na anterior edición, catro proxectos de música e outros catro de literatura e pensamento
As Residencias Artísticas Mariñán, un dos programas do departamento de Cultura da Deputación da Coruña para o apoio á creación artística, chegan este ano á súa terceira edición. O BOP publicou onte as bases dunha convocatoria que quere seguir reforzando propostas centradas non nas pezas ou nos resultados finais, senón nos procesos creativos, nun espazo singular, como é o Pazo de Mariñán, e poñendo a disposición dos participantes os medios para desenvolveren os seus proxectos con éxito e nas mellores condicións.
Seleccionaranse un máximo de catro proxectos do ámbito musical e outros catro dos eidos da literatura e do pensamento, nos que as creadoras e creadores poderán traballar no Pazo de Mariñán entre 31 de marzo e o 11 de abril.
"Coas residencias de música", explica a deputada de Cultura, Natividade González, "queremos promover o desenvolvemento da produción musical galega desde unha ollada contemporánea e consciente; establecer un contexto de acompañamento e formación para mellorar a viabilidade e a profesionalización das producións, e crear sinerxías con outras residencias e programacións para fomentar o intercambio de propostas e artistas e mellorar a proxección das producións". Coas residencias de literatura e pensamento, "buscamos fornecer as condicións favorábeis para intensificar o proceso de creación literaria e o pensamento en contextos de traballo e aprendizaxe comunitarios".
Nas anteriores edicións das residencia pasaron, entre outras, Berto, Caamaño&Ameixeiras, Xacobe Martínez Cuarteto Federal, Su Garrido Pombo, Vanesa Sotelo, Paula Domínguez, Judith Ruso, Esther Carrodeguas, Abraham Pérez, María Marco ou Esperanza Mariño Davila.

