Cristina Pato, protagonista do 'Sermos Galiza' deste sábado

Aliás, poñemos o foco na importancia patrimonial dos cruceiros na Galiza.
Pezas de 'Sermos Galiza' deste sábado. (Fotos: Nós Diario)
photo_camera Pezas de 'Sermos Galiza' deste sábado. (Fotos: Nós Diario)

Este sábado, como todas as semanas, atoparás nos quiosques, xunto ao teu exemplar de Nós Diario, o semanario Sermos Galiza, que neste caso abre coa reportaxe 'Cidades no tempo. A Galiza urbana', do xornalista Xosé Barros.

Analizamos nesta peza a exposición Cidades no tempo, promovida pola Consellaría de Educación e Afundación, e comisariada polo profesor da USC e escritor Manuel Gago. O proxecto pretende mostrar a identidade de cada unha das sete cidades galegas, así como a súa achega ao ideario común da Galiza.

Entrevista a Cristina Pato

Por outra parte, no Sermos deste sábado a xornalista Montse González entrevista Cristina Pato, pianista e gaiteira galega, que vén de presentar a súa primeira novela, No día do seu enterro (Galaxia), "inspirada na memoria do seu pai".

A través da conversa, Pato explica a Sermos Galiza o porqué de escribir esta obra e as intimidades que esta garda. Asemade, repasa a súa extensa traxectoria profesional no eido musical.

Os primeiros habitantes da Galiza

A segunda reportaxe do semanario está escrita polo xornalista Antón Escuredo, que asina a peza 'Cruceiros. O patrimonio aínda por inventariar'.

Nesta reportaxe, poñemos o foco "nun dos elementos patrimoniais máis comúns da paisaxe galega", os cruceiros, e do traballo realizado pola Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de pedra e Petos de Ánimas para protexer e promover este patrimonio.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Herminio González, que trae as últimas novidades, mentres Jasper asina un artigo titulado 'Crónica dun agarimo'.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, a comezar por Elvis, de Baz Luhrmann, e Carlos L. Bernárdez ofrece na sección de Arte unha peza titulada 'Os obxectos do desexo surrealista no Gaiás'.

Noutra orde, Mario Regueira debulla o libro Trece avisos. Contos para ler a noite, de Paula Carballeira, mentres Manuel López Foxo analiza Obra en Galego Completa, de Berta Dávila. Aliás, o colectivo Xea traenos a Serra de Farelo, entre os concellos de Agolada e Antas de Ulla.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario; 64 páxinas por tres euros.

Comentarios