A Semana da Filosofía bota a andar da man de Fina Birulés

Manuel Cavada e Xurxo Mariño interviron na sesión da tarde
Latarón, Vilaverde, Domínguez e Cendón, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Latarón, Vilaverde, Domínguez e Cendón, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)

A XL edición da Semana Galega da Filosofía botou a andar co tempo como eixo central e coa palestra da profesora de Filosofía Fina Birulés. 

Nunha rolda de prensa na que estivo acompañado da tenente de alcalde de Pontevedra, Eva Vilaverde; do presidente da Deputación, Rafael Domínguez, e da vicerreitora do Campus da Uvigo, Eva Latarón, o presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón, deu a benvida a público e institucións colaboradoras desta cita coa filosofía e o pensamento que decorrerá até a vindeira sexta feira, 5 de abril.

En relación ao tema escollido para esta edición, Cendón afirmou que "o tempo anda ao noso arredor, impregna as nosas vidas". "Ao longo desta semana os relatores e as relatoras darán conta das diferentes nocións do tempo, desde as perspectivas da política, a poesía, a ontoloxía, a ciencia, a socioloxía e a psicoloxía, entre outras", engadiu. 

A filósofa catalá e profesora da Universidade de Barcelona Fina Birulés foi a encargada de abrir a cuadraxésima edición da Semana da Filosofía. Experta na figura da pensadora Hannah Arendt, Birulés falou entre outras cuestións da fractura e da perda de tradición e transmisibilidade, "unha crise de temporalidade que fai que habitemos na superficie sen arraigo no tempo". 

A sesión de tarde tivo como protagonista o escritor e doutor en Filosofía Manuel Cabada cun relatorio centrado no papel da historia da Galiza no tempo, mentres que o doutor en Ciencias Biolóxicas e divulgador Xurxo Mariño foi o encargado de fechar a primeira xornada desta edición cunha reflexión sobre a percepción e a construción do tempo. 

Na terza feira será a quenda do profesor Xesús Vázquez Méndez, en sesión matinal, do historiador Anselmo López Carreira, e da filósofa Alicia H. Puleo, que porán o seu punto de vista á temática central da semana.

Comentarios