Diego As, "sorprendido" tras anunciar Correos unha tiraxe de selos co seu mural

O retrato de Xulio César que loce na Rolda da Muralla de Lugo protagoniza o novo selo.
O selo co mural de Diego AS. (Foto: Correos)
photo_camera O selo co mural de Diego As. (Foto: Correos)

O artista urbano lugués Diego As non ocultou esta terza feira a súa "sorpresa" logo de que Correos anunciase que vai emitir unha tiraxe de selos co mural de Xulio César que el mesmo elaborou na Rolda da Muralla da cidade de Lugo, e que o ano pasado foi recoñecido como o mellor grafiti do mundo.

Neste sentido, Diego As asegurou que a noticia foi para el unha "sorpresa enorme, porque era o último que podía esperar, que Correos se fixase nese mural e decidise metelo nunha edición de arte urbana". Tamén confesou que se "alegra" pola cidade de Lugo, dado que unha parte da urbe "aparecerá no selo".

O pintor lugués atópase estes días descansando precisamente alí, despois de traballar en Caravaca de la Cruz, en Murcia, e tamén en Alacante. "Agora nótoo, que necesito unha época para estar tranquilo, de gozar do máis simple e pouco máis", engadiu.

Atrás quedan outros proxectos exitosos, como o mural sobre o Belén de Begonte ou o debuxo que se atopa na entrada da comandancia da Garda Civil da cidade de Lugo, alén doutro en Sarria.

Diego As avanzou que para este 2023 vai "seleccionar máis" e a estar "máis tranquilo". Aínda así, ten en mente tres proxectos para este ano, "dous fóra da Galiza e un aquí". A respecto da tiraxe de selos coa imaxe do Xulio César, dixo que descoñece aínda cantos se editarán, malia que si puntualizou que se tratará dunha "boa tiraxe".

Esta mesma semana Correos anunciou a impresión e distribución dun outro selo dedicado á pintora Maruxa Mallo, no marco da campaña '8-M todo o ano', dedicada a mulleres emblemáticas na loita pola igualdade.

Comentarios