A segunda edición da Residencia FicBueu abre a súa convocatoria

O prazo de inscrición estará aberto desde o 15 de abril ao 15 de maio

Participantes en la I Residencia FICBUEU en Ons.
photo_camera Participantes en la I Residencia FICBUEU en Ons.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu vén de anunciar a apertura da convocatoria para a segunda edición da Residencia FicBueu, o seu programa de desenvolvemento de proxectos de guión de curtametraxe que terá lugar este outono na Illa de Ons.

En outubro de 2023 o certame bueuense estreou o seu novo proxecto para a promoción do formato curtametraxe, a Residencia FicBueu. Catro das 122 propostas presentadas foron seleccionadas para ser titorizadas pola guionista Isabel Peña e outras profesionais do audiovisual como Carmen Ávalos, Elena Neira ou Cormorán VFX. Alén de participar nunha semana enteira dedicada ao estudo e mellora dos seus guións, as residentes optaban ao premio á produción que outorgou a organización e que finalmente recaeu en Sismes de Jordi Sanz Angrill.

O FicBueu aposta pola consolidación deste proxecto que se suma á xa ampla lista de actividades e iniciativas relacionadas co cinema que o equipo leva a cabo durante todo o ano.

 

A II Residencia FicBueu terá lugar na Illa de Ons do 16 ao 23 de outubro e contará novamente coa titorización por parte de recoñecidas profesionais do cinema cuxos nomes serán anunciados nos vindeiros meses a través das canles do festival. 

A metodoloxía do programa contempla diferentes tipos de encontros para o traballo nos guións (titorías individuais e colectivas), así como formacións específicas noutros aspectos a ter en conta á hora de fortalecer os proxectos audiovisuais. Ademais, durante toda a semana serán levadas a cabo varias reunións de produción grazas ás que a organización poderá coñecer o avance e estado das proposta e escoller a premiada desta edición. 

Desde a dirección do FICBUEU, convidan a escoitar as entrevistas a residentes do ano pasado dispoñíbeis nas súas redes socias para coñecer as súas opinións e destacan que "Aínda coa moi boa experiencia que vivimos na estrea da residencia, nesta segunda edición tentamos mellorar o programa grazas ás suxestións das e dos residentes de xeito que os horarios de traballo estarán máis optimizados".

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 15 de maio. Será o equipo do FICBUEU xunto coa persoa encargada da titorización quen seleccione os catro proxectos finalistas.

 

Comentarios