Sabela inicia nova xira no ciclo Voces Cálidas de Oleiros

A cantora ten unha candidatura a Mellor Videclip nos premios Mestre Mateo, o maior recoñecemento no audiovisual galego
Sabela estará no festival EmigraSon de Bruxelas. (Foto: Trece Amarillo)
Sabela estará no festival EmigraSon de Bruxelas. (Foto: Trece Amarillo)

Sabela comeza a súa xira Brillante Tour cun concerto no ciclo de música Voces Cálidas de Oleiros, na noite deste sábado, 14 de febreiro, no Auditorio da Fábrica de Perillo. Despois do éxito do seu paso en 2025 por BigSound Pontevedra, SonRías Baixas ou Xurés Son, a cantante ten xa as primeiras datas deste ano, pasando polo festival EmigraSon, o festival de músicas galegas de Bruxelas (Bélxica), cunha actuación que terá lugar o 28 de febreiro na sala La Madeleine. Sabela redondea co concerto na sala La Conservera de Viveiro (Lugo), o próximo 9 de maio, un comezo de xira tras publicar o seu novo EP, Bríllanche os olliños.

Candidata nos premios Mestre Mateo

A cantora, ademais, celebra o comezo da xira e as primeiras datas cun novo fito: por segundo ano consecutivo, a artista é nomeada entre os finalistas a "Mellor Videoclip" nos premios Mestre Mateo, o maior recoñecemento no audiovisual galego. Tras o nomeamento o pasado ano con Hi, My Love, este ano repite fazaña con Non cho podo dar, o seu tema en colaboración con María Escarmiento. A gala de premios terá lugar no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo o próximo 21 de marzo. 

Con máis de medio millón de escoitas acumuladas dos seis temas que compoñen Bríllanche os olliños, así como perto de cen mil visualizacións do videoclip da peza Non cho podo dar, a cantante encara os seguintes pasos do seu proxecto coa vista posta neste xira que comeza agora en Oleiros.

Sabela Ramil é unha das caras visíbeis da nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual, converténdose nun dos alicerces do xénero na Galiza. Bríllanche os olliños vén de obter grandes números de escoitas e visualizacións, así como recoñecementos como o Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie, e candidaturas a prestixiosos galardóns como os Premios de la Academia de la Música, Premios Mestre Mateo, Festival de Cans ou Festival de Videoclips de Oviedo. 

Comentarios