Máis

Percebe do Roncudo

Corme rende homenaxe ao seu 'rei do mar'.
Ponteceso celebra a Festa do Percebe do Roncudo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ponteceso celebra a Festa do Percebe do Roncudo. (Foto: Nós Diario)

A parroquia de Corme, no concello bergantiñán de Ponteceso, acolle hoxe a que posibelmente sexa a súa festa máis popular: a XXXI Festa do Percebe do Roncudo. De fama nacional e internacional, veciñas, veciños e visitantes xuntaranse  en Corme para saborear un dos produtos gastronómicos que máis saben a mar. As oportunidades de festa e alegría agardan polos e polas visitantes cunha oferta de modernidade e tradición. 

Esta festa gastronómica, organizada pola Confraría de Pescadores de Corme, a asociación Promoción do Percebe e o Concello de Ponteceso, homenaxea non só o percebe como alimento, senón un oficio no que percebeiras e percebeiros arriscan a diario a súa integridade física, e tamén o estilo de vida que representa na comarca da Costa da Morte. 

Así, a edición de 2023 da Festa do Percebe do Roncudo, ademais de degustación gastronómica, contará con actuacións musicais como as dos ribeirenses Heredeiros da Crus, e a festa máis salvaxe estará garantida coa Festicultores Troupe, "os únicos e auténticos cultivadores de festas". Tamén estará o 8 de xullo en Corme o grupo Louband, coa súa mestura de instrumentos con amplificación con trompetas, saxofóns e teclados, todo isto a pé de rúa. 

Nesta XXXI edición os pregoeiros non serán outros que os Traskis do Camiño dos Faros, que deron a coñecer en todo o mundo os cantís, os faros, as pedras, e o día a día das persoas que habitan a Costa da Morte.

Serán pregoeiros da festa como unha homenaxe ao seu traballo pondo o foco do turismo sobre esta comarca e dunha maneira respectuosa co medio ambiente e coa sociedade.  

Comentarios