Rosa Cedrón, nova académica da Real Academia Galega de Belas Artes

Pronunciará o seu discurso 'Entre dous mares: Do mundano ao transcendental' e interpretará varias pezas musicais no auditorio do Conservatorio Profesional de Música da Coruña.
Rosa Cedrón. (Foto: Marcos Moure)
Rosa Cedrón. (Foto: Marcos Moure)

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrará este sábado unha sesión extraordinaria pública para a recepción da académica numeraria da Sección de Música Rosa Cedrón Fernández, no auditorio do Conservatorio Profesional de Música da Coruña, ás 12 horas. Pronunciará o seu discurso de ingreso, titulado Entre dous mares: Do mundano ao transcendental e interpretará varias pezas musicais da súa traxectoria. Será contestada en nome da Academia polo académico numerario da Sección de Música Juan Durán.

Asistirán ao acto o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, ademais doutros académicos da institución, e autoridades como a delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén María do Campo; o concelleiro de Cultura da Coruña, Gonzalo Castro Prado; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e a vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña (UDC), Cristina Naya.

Rosa Cedrón

Rosa Cedrón naceu en Monforte de Lemos en 1972, mais axiña se mudaría á cidade da Coruña. A súa vocación desde nena foi o violoncello, e pertenceu á Orquestra de Cámara Municipal da Coruña e, máis tarde, foi profesora de música en Ferrol.

Comezou a colaborar con Luar na Lubre, inicialmente como cellista, mais acabou sendo tamén vocalista e con gran fortuna, feito que observaría o coñecido músico Mike Oldfield convidándoa a participar na gravación de Tubular Bells III, así como o feito de incrementar o éxito do grupo de música folk.

No ano 2005 deixa Luar na Lubre e a partir dese momento dedícase á súa carreira en solitario, combinando colaboracións con discos en solitario: o primeiro deles, en 2007, foi Entre dous mares, ao que seguiu, en 2016, Nada que perder, no que experimenta os límites da world music. Na actualidade presenta o seu novo traballo discográfico Nómade.

Comentarios