martes 15/06/21

Todo sobre Xela Arias, no especial Sermos Galiza do Día das Letras Galegas

Con motivo do Día das Letras Galegas, Sermos Galiza edita un número especial sobre Xela Arias, a poeta homenaxeada este ano. O monográfico 'Xela Arias: voz galega de seu’, de 48 páxinas a cor, nunha coidada edición, publícase este sábado, día 15 de maio, canda o Nós Diario. 
Sen titulo
Detalle da capa do especial (Ilustración: Álex Rozados)

“Vigo, nos 80 (neboeira salgada// a electricidade electrizado paxariño// que te oio musicado e vals, di a poeta), era unha pota que non deixaba de ferver. Nos garitos varios e nas casas, construíamos o presente que precisabamos”. Así comeza a escritora Marta Dacosta o seu retrato da cidade onde Xela Arias (Lugo, 1962-Vigo, 2004), a homenaxeada co Día das Letras Galegas neste 2021, desenvolvería a súa obra e maior parte da súa vida. 

Nós Diario, por medio do semanario Sermos Galiza explora as distintas facetas da vida de Xela Arias cun especial de 48 páxinas que recolle distintas visións dunha personalidade tan poliédrica como fascinante. Xela Arias escribiu a súa obra desde un compromiso insubornábel coa liberdade que se quixo dar a si mesma, coa lingua galega, e coas inquedanzas e teimas que toda unha xeración compartía nos comezos dunha época de enormes cambios para o país. 

A súa figura non deixou de medrar desde a súa desaparición, e mais precísase, con certeza, seguir estudando unha obra e unha figura que ofrece moitas das claves para coñecer a historia da creación literaria e da evolución social deste país.

Os artigos

En "Da nosa cidade", Dacosta debuxa o marco no que Xela Arias desenvolveu a súa obra: unha cidade, a de Vigo, na que confluían as protestas obreiras contra a reconversión naval e a música da movida, as ombreiras posmodernas e o punk dunha cultura underground que medraba a sombra do scalextric. A poesía de Xela Arias recollía todas esas suxestións da cidade para compoñer unha obra poética que rompeu cos moldes da lírica do seu tempo. 

Manuel Bragado, profesor e editor de longa traxectoria, en “Xela Arias, editora pioneira”, lembra como aqueles foron tempos tamén nos que a edición galega sufriría unha transformación espectacular, e como a poeta participou no estabelecemento dun estándar para o galego culto e para a propia industria editorial desde o seu traballo como editora en Edicións Xerais, una editora “que, aberto o recoñecemento institucional do galego no proceso preautonómico pretendía dar resposta ás demandas de materiais didácticos para o ensino da lingua galega e para a súa utilización como lingua vehicular como tamén, en palabras do seu primeiro director, a ofrecer un catálogo onde ‘todo galego tivese a posibilidade de ser culto na súa propia lingua’”, explica Bragado. 

Manuel Xestoso elabora un percorrido pola obra e a vida da poeta, tratando de discernir cales foron as claves que uniron ambas e que deron como resultado un dos corpus poéticos máis arriscados da literatura galega do final de século. 

María Xesús Nogueira, editora da obra poética completa de Xela Arias, aborda en “Un pasquín crítico, avisador e narcotizante” as dimensións crítica, social e política dun corpus literario caracterizado pola innovación formal e temática, polo diálogo con outras disciplinas artísticas e por un compromiso co feminino que talvez non se entendeu no seu tempo. “O suxeito, que se sitúa “por elección” nunha marxe, exponse a unha intemperie desde onde describe unha situación de crise e formula unha serie de reflexións derivadas desta”, di Nogueira explicando algunhas das chaves da poética de Arias.

Das relacións interdisciplinarias con outras artes ocúpase o crítico de arte Xosé M. Buxán Bran, que estuda a produción e recepción de Tigres coma cabalos como un proxecto pioneiro na Galiza e un exemplo da visión adiantada ao seu tempo de Xela Arias: unha produción de carácter emancipador que leveda no clima cultural menos oficializado da década de 1980.

O crítico literario de Sermos Galiza, Mario Regueira, céntrase na faceta de tradutora de Xela Arias, mostrando como o seu labor nese campo tivo un valor estratéxico e simbólico nun contexto en que a representación da lingua e da cultura galega adquirían un papel fundamental na sociedade, nun tempo en que “en ocasións con pouca consciencia das súas propias limitacións e tamén das súas potencialidades”.

Montse Dopico entrevista a Darío Gil Arias, fillo de Xela Arias e protagonista dun dos seus libros máis audaces: Darío a diario. Desde a visión do neno que foi, comparte unha faceta máis íntima da autora, repasando a súa vida cotiá, lembrando o seu compromiso coa súa escrita e, sobre todo, destacando a súa coherencia no seu anceio de autonomía e na súa condena das inxustizas.

Marga do Val, pola súa parte, debuxa un perfil da autora achegado á recepción da súa obra, aos impeitizos que tivo que superar. Do Val acode á súa memoria persoal para repasar as marcas que deixou unha poeta que se situou voluntariamente á marxe do canon para expresar o que na súa época non se mencionaba e que, anos despois, se desvelaría como un discurso imprescindíbel. 

Para rematar, o poeta Xose María Cáccamo lembra algúns encontros persoais con Xela Arias en situacións ben especiais: no Festival de Poesía do Condado, na organización dos actos da Burla Negra en Vigo e nas mobilizacións contra a guerra do Iraq, tamén na cidade olívica. “Lembro varias chamadas telefónicas de Xela, preocupada pola responsabilidade que a ela e a min nos correspondera, a da selección e convocatoria dos poetas da cidade e a da organización e presentación do acto, que, finalmente, atinxiu un éxito rotundo de participación e comunicación”, rememora o poeta.

O especial venderase conxuntamente con Nós Diario o vindeiro sábado 15 de maio. As 48 páxinas ao prezo de sempre do semanario. Nos quiosques e puntos de venda habituais e na loxa. Se non es subscritora ou subscritor, non dubides en adherirte.

comentarios