Os ritmos de jazz volven ao escenario do Teatro Principal
'Jazz no Principal' volverá ao escenario por excelencia da cultura pontevedresa, no corazón da zona monumental, os vindeiros días 29 de abril e 6 de maio. A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, xunto co coordinador do Seminario Permanente de Jazz (SPJ), Luis Carballo, presentaron onte a nova edición deste ciclo musical, lembrando a "importancia da estreita relación" que a cidade garda co jazz, co SPJ e a imaxe referencial que proxecta "xa non só no país, senón en todo o Estado".
"É un feito que 'Jazz no Principal' logrou trasladar este xénero a toda a cidade, e desde o Concello só podemos amosar orgullo por termos apoiado esta iniciativa desde o primeiro minuto", sinalou onte Fouces. "Poder dicir que temos un ciclo musical que leva xa case 20 anos funcionando é algo impresionante", engadiu.
Fouces lembrou que este ciclo achega "o melloriño do jazz", que este ano se materializa na figura da galega Carmen Rei, vocalista galega e referente nas novas músicas que se fan na Galiza; e o baterista mirandés Gonzalo del Val, todo un referente do jazz actual que se fai na península Ibérica. Carmen Rei subirá ao escenario do Teatro Principal pontevedrés o próximo sábado, 29 de abril; mentres que Gonzalo del Val fará o propio unha semana despois, o día 6 de maio.
Un ano máis, estes artistas estarán acompañados dos novos valores do jazz galego, cunhas bandas formadas polo alumnado do SPJ, "o que se traduce nuns concertos únicos na súa especie", afirmou a concelleira de Cultura.
Formación
Pola súa parte, Luis Carballo apuntou que a programación do ciclo de jazz completarase con cadanseu obradoiro de formación impartido polos propios referentes musicais –Rei e Del Val–, que terán carácter gratuíto e con diploma acreditativo.