O Rexenera Fest converte a arte urbana en medio de dinamización
A cultura da arte urbana como ferramenta de dinamización social e de participación: eis a motivación principal do Concello de Carballo para apostar polo Rexenera Fest, unha das citas ineludíbeis para as persoas afeccionadas a este xénero artístico
Desde esta quinta feira e até o 8 de xuño cinco proxectos artísticos incrementarán o número de murais en Carballo ao abeiro do festival. A vila é xa un referente internacional da arte urbana.
A artista galega Raquel Germade intervirá na rúa Rosalía de Castro. O seu estilo experimental -entre o deseño gráfico, a pintura abstracta e a ilustración- aborda temáticas como o feminismo ou a consciencia ecolóxica, conectando a estética co compromiso social.
Desde Sevilla chega Zesar Bahamonte, que realizará o seu mural na rúa Gran Vía. Na súa obra, a forma e a cor son os piares do seu pensamento artístico. A través delas exalta as relacións humanas como vías para reconectar coa nosa natureza e fuxir dun mundo de virtualidade.
A artista finlandesa Anetta Lukjanova deixará a súa pegada na rúa Begoñas. O seu traballo mergúllase no realismo máxico contemporáneo, fundíndoo coa ilustración dixital e a xestualidade da pintura ao óleo clásica.
Zane Prater, desde os Estados Unidos, intervirá na rúa Gran Vía. A súa práctica combina debuxo, pintura, instalacións terrestres e murais a grande escala. Inspirado pola ilustración botánica, Prater explora a nosa relación co mundo natural.
Finalmente, Galleta María, artista valenciana residente en Barcelona, realizará a súa intervención na rúa Colombia. Formada en Belas Artes, traballa na confluencia entre deseño, ilustración, muralismo e arte urbano. O seu estilo destaca pola forte implicación con temas sociais, que incorpora ao seu discurso visual cunha estética fresca e directa.
O Rexenera Fest aposta ademais por implicar á veciñanza e ao público visitante con actividades complementarias que permiten achegarse ao proceso creativo e reflexionar sobre o papel da arte no espazo público.

